A Asociación Agraria de Galicia (Asaga) expresa a súa solidariedade co colectivo veterinario da comunidade, que se sente agraviado coa aplicación da nova lexislación en materia de medicamentos e produtos sanitarios. Unha normativa do Goberno de España que actualiza a anterior incorporando diversos aspectos especialmente relativos á prestación farmacéutica, o seu financiamento e cuestións relativas á xeración de competencia.

Os veterinarios expresaron publicamente que a nova norma, no que se refire a medicamentos veterinarios, non respecta o xuízo facultativo ou criterio clínico do colectivo “baseados na evidencia científica”.

Asaga é consciente de que todas as leis aprobadas no noso país en materia de prescrición e dispensación de fármacos, tanto en humanos como en veterinaria, establecen unha división entre ambas facultades para evitar conflitos de intereses e, neste sentido, “considera importante que siga facéndose así”.

Carácter restritivo na transposición da norma

En todo caso, a organización cre que o carácter da regulación española mediante o Real Decreto 666/2023 á hora de traspoñer un regulamento comunitario é demasiado estrito e difire de como se aplica a norma noutros países da contorna, dado o carácter restritivo da aplicación da norma en España.

Existe un sistema de control do uso de medicamentos antimicrobianos (ESUAVET) dependente da AEMPS, que ampararía unha moratoria para analizar a viabilidade do sistema PRESVET, no que se refire á obriga de notificación que incumbe aos profesionais veterinarios. Porén, a normativa xa se comezou a aplicar “sen ter en conta esta petición de moratoria que a Asociación Agraria de Galicia apoiaba”, segundo sinala o seu presidente, Francisco Bello.

En todo caso, desde Asaga faise un chamamento ao consenso e ao entendemento entre as distintas ramas sanitarias para “evitar friccións que poidan acabar prexudicando a saúde de todos”.

Leave A Comment