- Onte pola tarde reuniuse cos grupos parlamentarios de Junts, PNV e VOX no Congreso para que voten a favor da emenda do PP que pode resolver esta situación
“Atopamos moi boa disposición en xeral, polo que probablemente poida saír adiante a iniciativa de sacar ao lobo do Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial, LESPRE”. Así resumía o presidente de Asociación Agraria de Galicia, Francisco Bello, as súas impresións tralas reunións mantidas onte pola tarde en Madrid con membros de catros grupos parlamentarios: o Partido Popular, Junts per Cataluña, Partido Nacionalista Vasco e Vox. “Tres deles o teñen claro, pero o PNV, a pesar da súa disposición favorable, aínda ten algunhas dúbidas que solventar”, explicou o líder de ASAGA ao finalizar as catro conversas ás que asistiu xunto a varios representantes de ASAJA do norte de España.
As negociacións que onte mantiveron, non veñen máis que referendar o apoio da organización á emenda presentada polo Partido Popular, e o compromiso de acadar o apoio do resto dos grupos da “Cámara Baixa”.
As reunións resultaron positivas e, polo “feedback” recibido, Francisco Bello salientou que “pode haber unha maioría suficiente para cambiar o estatus actual do lobo e poñer solución, nas vindeiras semanas, a unha cuestión que levamos arrastrando desde que no ano 2021, a por entón ministra para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera, incluíu ao lobo no LESPRE, sen ter base científica nin datos contrastados”.
O presidente da Asociación Agraria de Galicia, asegurou que “os grupos parlamentarios cos que nos reunimos poderán estar máis ou menos conformes ca forma xurídica escollida, pero teñen claro o seu apoio ao sector”.
ASAGA non escatimou en esforzos durante este tempo, buscando unha solución desde todos os ámbitos. Entre as accións máis destacadas, pódese destacar que estableceu contacto e negociacións cos parlamentarios europeos, buscando solicitar o cambio de status do lobo nas votacións do Convenio de Berna e conseguir os cambios necesarios na Directiva Hábitats, para que poida ser xestionado desde as CCAA; e que acudiu a Bruselas para defender o papel dos gandeiros fronte aos ataques do lobo en tódolos foros nos que se tombaron decisións sobre este respecto.
O traballo nestes últimos meses, centrouse en acadar o apoio do Senado, “no que sabemos que hai unha maioría favorable a que o lobo sexa excluído do LESPRE”, e tamén do Congreso, tralas mencionadas reunións de onte. “Non nos gusta que este tema esté recollido nunha lei ‘caixón desastre’ como é a Lei de Desperdicio Alimentario, pero procuramos que se poida volver á situación anterior e que cada Comunidade Autónoma asuma a súa propia xestión do lobo”, afirmou o presidente da Asociación Agraria de Galicia.