Ante a aparición de varios exemplares de xabarís mortos en Barcelona, infectados co virus de peste porcina africana tras 31 anos sen ter un brote en España da enfermidade, a Asociación Agraria de Galicia (ASAGA) comparte as súas opinións sobre a caza do xabaril.
É un feito que, debido á falta de censos oficiais, actualmente se descoñece a cantidade total de xabarís que temos en Galicia. Agora ben, se temos en conta o número de animais abatidos pola acción cinexética no último ano —no que se superaron os 20.000— así como os mortos por accidentes de tráfico, as mortes naturais e outras producidas por diferentes causas, e tendo en conta que no que vai desta campaña 2025-2026 se están abatendo máis xabarís que na anterior, podemos afirmar que a poboación da especie está totalmente descontrolada en Galicia e en España.
Pese ao esforzo que altruísta e voluntariamente realizan miles de cazadores organizados a través das sociedades de caza espalladas polo territorio, que xestionan os Terreos Cinexéticamente Ordeados (TECOR), a duras penas se consegue minguar a poboación deste animal. A pesares do bo traballo realizado por este colectivo, que é o único que realiza unha labor efectiva de contención da especie, todos os indicadores —incremento dos danos a cultivos, aumento de accidentes de tráfico, presencia nas contornas periurbanas, etc— indican que existe unha grande e descontrolada superpoboación de xabarís en Galicia.
Desde ASAGA valoramos o enorme esforzo dos cazadores —por certo moitos deles agricultores e gandeiros—, pero entendemos que as administracións non poden pretender que o único fronte de loita contra unha especie totalmente descontrolada sexan persoas que voluntariamente practican o deporte da caza social en Galicia e en España.
En ASAGA entendemos que chegou a hora de que as administracións actúen proactivamente para reducir a cantidade de xabarís existentes. Para isto, ademais das correctas medidas tomadas, como a declaración de emerxencia cinexética, propoñemos:
- Que se abone unha cantidade económica por animal abatido en acción de caza, co fin de compensar a labor de control da especie que realizan, incentivar a dedicación das cuadrillas e fomentar que se manteña o número de licencias anuais de caza, que ano tras ano veñen diminuíndo.
- Que nas contornas periurbanas e de proximidade ás vivendas, onde non está permitida a acción da caza, se poña en marcha un plan especial coordinado entre as autoridades locais, corpos e forzas de seguridade, gardaría medioambiental e os cazadores co fin de extraer deses hábitats, tan propensos aos accidentes e á proliferación de enfermidades catastróficas coma a peste porcina africana, aos xabarís, para dirixilos a contornas nas que a súa caza sexa efectiva e segura.
- Ao igual que noutras comunidades autónomas, Galicia ten que contar con equipos de gardas medioambientais debidamente formados e dotados das ferramentas necesarias para acometer accións cinexéticas de extracción de exemplares cando sexa necesario, en tódolos aqueles hábitats ou contornas nas que a caza social non pode actuar ou non conta con efectivos suficientes para desenvolver a actividade cinexética.
Por último, desde a Asociación Agraria de Galicia entendemos que para desenvolver este plan especial é imprescindible o traballo coordinado de todas as administracións competentes nesta materia.
- Galego
- Español
