A Asociación Agraria de Galicia, ASAGA, vén de confirmar en Bruxelas o seu rexeitamento á actual formulación do acordo para o libre comercio entre a Unión Europea (UE) e os Estados do Mercado Común do Sur (Mercosur). Neste sentido, ASAGA estivo traballando da man da organización agraria francesa FNSEA, a federación nacional dos sindicatos explotadores agrícolas, para promover o rexeitamento deste acordo en Bruxelas.
Para ASAGA, este acordo non é aceptable por tres motivos fundamentais:
- É incompatible pola diferenza nos estándares de produción: os sistemas de produción non cumpren cos estándares de calidade e sanidade que se esixen na UE, nin os modelos de xestión das explotacións son os que a UE promove, dun sector agropecuario xestionado por agricultores e gandeiros, en lugar de por fondos de investimento ou bancos. Ademais, as normas de utilización da auga, o tamaño das explotacións e o sistema fiscal son antagónicos aos da UE.
- Ausencia dun estudo de impacto acumulativo: non só se deben de ter en conta as toneladas de continxentes importados de países do Mercosur, senón que se deben de sumar ao resto de continxentes que veñen doutros terceiros países.
- Ameaza para a sanidade alimentaria (cláusulas espello): os países do Mercosur poden seguir utilizando neonicotinoides na produción de remolacha azucreira, mentres que na UE están prohibidos. Así mesmo, o Goberno de Brasil recoñeceu hai unhas semanas que non podía garantir que a carne que exporta á UE non está producida con hormonas de crecemento, igualmente prohibidas na UE.
No seguimento da publicación da Carta Aberta, que enviamos xunto co resto de membros de Copa-Cogeca e organizacións do sector agropecuario europeo, sobre unha política comercial coherente, a secretaría xeral de Copa-Cogeca mantivo unha serie de reunións con eurodeputados dos partidos Verde, PPE e S&D. Os intercambios foron relevantes para garantir a comprensión da nosa posición e a creación dunha coalición relevante para futuras accións ao redor dun posible acordo.
A este respecto, o noso ministro de Agricultura, Luis Planas, pronunciouse este luns 18 de novembro no AGRIFISH totalmente a favor do acordo con Mercosur, alegando que «especialmente nestes momentos de incerteza xeopolítica é beneficioso pechar un acordo estratéxico con socios como os do Mercosur». Sobre a postura de rexeitamento de Francia ao Mercosur, Planas declarou que “existe certa mitoloxía sobre este acordo, que non se adecúa ao acordo nin á realidade que estamos a vivir. Á UE non lle interesa nestes momentos pecharse en si mesmos”.
Por último, ASAGA denunciou, xunto coa FNSEA e ASAGA, ás plataformas agrícolas francesas que bloquearon camións españois na fronteira con Francia estes últimos días, alegando falsamente que se trata de materias primas do Mercosur, e afectando así o comercio comunitario entre España e Francia.