IMPORTANTE AVANCE PARA OS AGRICULTORES EN MATERIA TRIBUTARIA

No Proxecto de Orde que regula o método de estimación obxectiva do IRPF para o ano 2025, que se atopa nestes momentos en Audiencia Pública, incluíuse unha das medidas que ASAJA e a Asociación Agraria de Galicia (ASAGA) propuxeron nas negociacións co Goberno e que traballaron ata poder acadala. Trátase da non inclusión no cómputo dos ingresos totais, para poder acollerse ao Réxime de Estimación Obxectiva (de módulos) do IRPF da compensación do Réxime Especial da Agricultura, Gandería e Pesca, do Imposto sobre o Valor Engadido.

Concretamente este cambio ven recollido no artigo 3 apartado b) da Orde que desenvolve a Magnitude en función do volume de ingresos para o conxunto das actividades agrícolas e gandeiras: “A efectos do disposto nas letras a) e b) anteriores, o volume de ingresos incluirá a totalidade dos obtidos no conxunto das mencionadas actividades, non computándose entre eles as subvencións correntes ou de capital, nin as indemnizacións nin a compensación do réxime especial da agricultura, gandería e pesca do Imposto sobre o Valor Engadido, así como tampouco o Imposto sobre o Valor Engadido e, no seu caso, o recargo de equivalencia que grave a operación, para aquelas actividades que tributen polo réxime simplificado do Imposto sobre o Valor Engadido”.

Con esta medida poderanse beneficiar moitos produtores de Galicia e España que poderán seguir tributando no Réxime de módulos do IRPF, dado que así non excederán o límite dos 250.000 € de ingresos que se lles esixe para acollerse a el.

O Réxime Especial da Agricultura, Gandería e Pesca (REAGP) no IVE é un réxime simplificado de tributación que beneficia a agricultores, gandeiros e pescadores en España. O seu obxectivo principal é facilitar o cumprimento das obrigacións fiscais de quen opera neste sector, aliviándoos dalgúns requisitos contables e administrativos que implicaría o réxime xeral de IVE. O principal requisito para poder acollerse a este Réxime é que os ingresos anuais pola actividade agrícola ou gandeira non deben superar os 250.000 euros (sumando os ingresos de todas as explotacións).

En lugar de cobrar IVE, os suxeitos acollidos ao réxime reciben unha compensación forfait (fixa) do 12% para os produtos agrícolas e gandeiros, e do 10,5% para produtos forestais. Esta compensación é abonada polos compradores dos produtos, xeralmente empresas ou profesionais no réxime xeral de IVE, e ten como obxectivo cubrir o IVE soportado nas compras e gastos do agricultor ou gandeiro.

Con esta medida de non inclusión da compensación do IVE serán moitos os agricultores e gandeiros de Galicia e España que poderán seguir tributando neste réxime especial ao que están acollidos case un millón de contribuíntes no sector. Confiamos que esta Orde se publique no BOE, ao igual que en anos anteriores, a finais do mes de novembro para a súa entrada en vigor e posta en marcha inmediata.

O proxecto de Orde tamén recolle outras medidas a destacar como son:

  • A redución do rendemento neto de módulos de 2024 nun 25% para os contribuíntes que tributen polo método de estimación obxectiva nos municipios afectados pola DANA de finais de outubro. Esa redución aplicarase sobre o rendemento neto resultante despois de aplicar a do 5% establecida con carácter xeral para o ano 2024.
  • O mantemento para o exercicio 2025 da “contía dos signos, índices ou módulos, así como as instrucións de aplicación”. Asemade, establécese unha redución do 5% sobre o rendemento neto de módulos para todos os contribuíntes que determinen o rendemento neto da súa actividade polo método de estimación obxectiva.
  • A eliminación en 2025 da bonificación na factura por adquisición de gasóleo agrícola e fertilizantes, que se aplicou nos tres anos anteriores.

 

Nova reivindicación
Para ASAJA e ASAGA, esta última medida é realmente incomprensible cos incrementos de custos e de insumos que vimos soportando, e que arrastramos de anos anteriores, polo que a redución do 35% na factura de gasóleo e do 15% en fertilizantes é imprescindible que se manteña no tempo.

ASAJA e ASAGA continuarán traballando para que os agricultores e gandeiros de Galicia e España teñan unha fiscalidade adecuada ao desenvolvemento da súa actividade e acorde cos tempos actuais. Neste sentido, seguiremos a reclamar que a redución da factura do gasóleo e de fertilizantes teña continuidade e que a compensación do IVE do Réxime Especial na gandería pase do 10,5% ao 12%, ao igual que en agricultura.

 

Leave A Comment