A Asociación Agraria de Galicia (ASAGA) participa este luns na xornada Lobo e gandería en España: Cara a unha solución europea. Este foro está organizado pola Asociación Agraria Novas Agricultores, ASAJA, e celébrase en Bruxelas un día antes da reunión do Convenio de Berna, na que se debaterá sobre a proposta do Consello Europeo de rebaixar o estado de conservación do lobo, pasando de especie “estritamente protexida” a “protexida”.
A xornada desenvolverase na sede na capital belga de Copa-Cogeca, organización de defensa do sector agrícola na Unión Europea, a partir das 15.30 horas. O encargado de dar a benvida será Francisco Bello, presidente de ASAGA e de ASAJA Galicia, xunto con Katharina Schobersberger, vicepresidenta de CEJA, Consello europeo de novos agricultores.
Ao longo das dúas horas que se prevé que dure o simposio organizaranse varios relatorios e mesas redondas, a través das que se profundará na situación do lobo con respecto ao traballo de gandería e nos que participarán distintas autoridades políticas e asociacionistas. O evento estará moderado por José María Castela, director da oficina de ASAJA en Bruxelas.
O primeiro panel centrarase no impacto do aumento da poboación de lobos na gandería e nel estarán a parlamentaria europea polo Grupo Popular Esther Herranz; o conselleiro de Medio Ambiente, Vivenda e Ordenación do Territorio da Junta de Castilla y León, Juan Carlos Suárez-Quiñones; e a secretaria xeral de ASAJA Asturias, María Ángeles González. A segunda mesa leva por título Perspectivas de convivencia: Gandeiros, conservacionistas e políticas públicas. Nela participarán Csaba Borboly, membro do Comité das Rexións; Michele Nori, responsable de políticas de Sustentabilidade Ambiental (DG Agricultura, CE); e David Scallan, secretario xeral de FACE, Federación Europea para a Caza e a Conservación.
O último panel terá por eixo as innovacións tecnolóxicas para a prevención de ataques de lobos, sobre as que debaterán Jorge Buxadé, membro do Parlamento Europeo (Patriots for Europe); Jürgen Tack, secretario xeral de ELO, organización europea de propietarios de terras; e Patrick Pagani, secretario xeral adxunto de Copa-Cogeca.
Tras a quenda de preguntas e respostas, Pablo Rincón, responsable de Medio Ambiente de ASAJA Castela e León sintetizará as principais conclusións do simposio, que pechará Pedro Barato, presidente de ASAJA Nacional.