A Asociación Agraria de Galicia -ASAGA- participou na  sede de Copa-Cogeca (organización europea de agricultores) de Bruxelas nun simposio de alto nivel, denominado “Lobo e gando en España: cara a unha solución europea”, que tivo o propósito de analizar os retos e solucións derivados do aumento da poboación de lobos en Europa e o seu impacto na gandería. Tras este foro, Asaga reafirma a súa vontade de urxir ao Ministerio de Transición Ecolóxica que apoie a modificación do estatus do lobo para protexer a gandería.

O evento ao que asistiu ASAGA enmárcase nun contexto crucial, previo á votación do cambio de estatus de protección do lobo no Convenio de Berna, que ten lugar hoxe martes. Discutiranse os retos e posibles solucións arredor da coexistencia entre o lobo e a gandería en España e noutros países europeos.

No simposio de Bruxelas reuníronse lexisladores do Parlamento Europeo e da Comisión Europea, expertos en conservación, cazadores, voceiros agrícolas europeos; con representantes clave de ASAGA, ASAJA Asturias e ASAJA Castela e León, todas elas comunidades fondamente afectadas por esta cuestión.

Desde ASAGA, reafírmase o compromiso da organización de elevar as reclamacións do sector ás institucións europeas, esixindo solucións que protexan tanto a biodiversidade como o sustento das comunidades rurais.

Medidas efectivas

O simposio foi inaugurado polo presidente de ASAGA, Francisco Bello, quen destacou a urxencia de tomar medidas efectivas para protexer os gandeiros. A continuación, Katharina Schobersberger, vicepresidenta do Consello Europeo de Mozos Agricultores (CEJA) participou no foro a través dun video, no que puxo en valor a necesidade de procurar un enfoque equilibrado que respecte tanto a biodiversidade como as comunidades rurais.

No primeiro panel sobre o impacto do aumento da poboación de lobos na gandería, participaron a eurodiputada Esther Herranz (PP/PPE); o conselleiro de Medio Ambiente do Goberno de Castela e León, Juan Carlos Suárez-Quiñones; e a secretaria xeral de ASAJA Asturias, Mª Ángeles González.

Neste primeiro panel abordáronse as cifras alarmantes de ataques de lobos, que medran cada ano, “por unha lexislación sobreprotectora e obsoleta”, segundo González. Amais diso, e nesa liña, denunciouse o emprego desfasado dos datos que enviou o Goberno de España para obter o beneplácito da CE ante a sobreprotección, ao incluílo no LESPRE, cando as cifras máis actualizadas amosan que o lobo xa non precisa desa sobreprotección.

Outros paneis

Xunto a isto, nesta xornada participaron o vicepresidente da rexión de Harghita (Romanía) e exmembro do Comité das Rexións, Csaba Borboly; o responsable de políticas de Sostibilidade Medioambiental da Dirección Xeral de Agricultura (Comisión Europea), Michele Nori; e o secretario xeral da Federación Europea de Cazadores e Conservacionistas (FACE), David Scallan. Entre os tres relatores, discutiron estratexias para equilibrar a conservación do lobo coa sostibilidade do sector gandeiro.

 

En terceiro lugar, o eurodiputado Jorge Buxadé (VOX/Patriots for Europe), o secretario xeral do Propietarios de Terra Europeos (ELO), Jürgen Tack (ELO) e o secretario xeral adxunto de Copa-Cogeca, Patrick Pagani, presentaron solucións tecnolóxicas para previr ataques e minimizar o seu impacto, apuntanto que é un asunto que se xoga máis no plano político que no técnico.

Petición de auxilio

Desde ASAGA compártese a petición de auxilio ao Goberno de España e á Comisión Europea, lanzada por ASAJA, para que se tomen medidas inmediatas e eficaces, dada a situación insostible que afronta o sector gandeiro do noroeste español.

En paralelo, a Asociación Agraria de Galicia insta á Comisión Europea que inclúa aos gandeiros que sofren os ataques de grandes carnívoros dentro da nova partida anunciada polo novo comisario de Agricultura, Christophe Hansen, destinada á saude mental, posto que é unha das razóns que perxudica o benestar psíquico dos gandeiros.

ASAGA tamén resaltou que exercerá unha vixilancia exhaustiva cando o Goberno de España volva enviar o censo lobeiro á CE, para evitar que se repita a remisión de cifras desactualizadas.

Por último, a Asociación Agraria de Galicia reclama que as indemnizacións a gandeiros que sofren os ataques de lobos inclúan o lucro cesante (por exemplo, ante a perda xenética) e os abortos causados polo estrés do animal. Ademais, esixe que as denuncias se recoñezan mediante unha declaración responsable se non se atopa o crotal do animal. Finalmente, insta á Administración a que colabore coas entidades bancarias para axilizar os pagamentos aos damnificados.

Leave A Comment