• A convocatoria de ASAJA, ASAGA e COAG comezará ás 11 horas e está previsto que se alongue ata as 13.30.
  • As organizacións manifestamos o noso rexeitamento fronte ao recente acordo de libre comercio da UE con Mercosur e a outras medidas similares.

A Asociación Agraria de Galicia (ASAGA) e a Asociación Agraria de Novos Agricultores (Asaja) chamamos a participar na concentración prevista para este luns, 16 de decembro, fronte ao ministerio de Agricultura baixo o lema “STOP MERCOSUR”. A convocatoria foi organizada de forma conxunta coa Coordinadora de Organizacións de Agricultores e Gandeiros (COAG).

A cita ten como obxectivo manifestar o noso descontento fronte ao acordo pechado entre a Unión Europea e Mercosur para crear unha zona de libre comercio, así como #ante outras medidas similares que ameazan á xente que vivimos da agricultura e a gandería en España.

A proliferación deste tipo de alianzas, como a acordada con Mercosur ou as establecidas con Marrocos, Chile ou Nova Zelandia, entre outros países, supón poñer en desvantaxe a economía local: favorecen as importacións de produtos agrarios por baixo dos custos de produción e sen cumprir as normativas da UE.

Isto provoca un impacto grave nos agricultores europeos e españois, con perda de ingresos e de miles de explotacións familiares anuais, que ademais vemos como non se nos axuda a facer fronte aos retos que xa de por si ten o sector, como a substitución xeracional, a adaptación ao proceso de cambio climático ou o mantemento da economía nas poboacións rurais. Neste contexto, a firma do tratado entre a UE e Mercosur podería supoñer o golpe definitivo para a nosa agricultura e gandería.

Táboa de reivindicacións do sector

Ante esta situación, as organizacións expomos unha serie de reivindicacións, que comezan polo rexeitamento ao acordo con Mercosur e a suspensión do acordo de libre comercio UE-Marrocos. Este último, segundo unha recente sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión Europea, viola o dereito internacional ao vulnerar, en particular, os principios de autodeterminación e do efecto relativo dos tratados, por non prestar o seu consentimento ao pobo do Sahara Occidental.

Outro dos puntos que se reclaman é recuperar o principio de preferencia comunitaria fronte ás importacións sen control que non cumpren as normas do Mercado Común Europeo. Demandamos que se inclúan cláusulas espello, que obriguen aos produtos de terceiros países a equiparar os seus estándares de produción, normativas e regulacións ás impostas pola UE.

O manifesto que subscribimos ASAGA e ASAJA reclama tamén a necesidade dun plan de choque que faga fronte ao incremento continuado dos custos de produción agrarios, entre os que se inclúen tanto os do persoal laboral e a maquinaria como os dos elementos de produción. Trátase dunha medida na que debe de traballar o goberno, especificamente os ministerios de Agricultura, Traballo, Economía e Facenda, para establecer medidas específicas e de vixilancia dos oligopolios que controlan os insumos do sector agrario, para evitar a especulación de prezos e os custos inxustificadamente elevados para os agricultores.

Este debe complementarse cun plan de rescate para a agricultura continental, afectada polos baixos prezos ao produtor e os altos custos de produción. É sintomático como, a pesar de que a campaña actual poida ser cualificada como positiva, pódese falar de crise. Isto fai necesarias medidas que amortigüen o potencial dano, como poden ser axudas directas ás explotacións, financiamento a custo cero ou exencións fiscais.

As reivindicacións do sector pasan pola reforma da Política Agraria Común. Nun momento no que se están iniciando os debates para a modificación da norma, desde ASAGA avogamos por unha simplificación real, unha regulación dos mercados e un orzamento máis elevado. Ademais, é imprescindible apostar por unha política hidráulica con investimentos en construción e modernización de infraestruturas que permita mellorar a xestión dos recursos hídricos e a eficiencia no uso da auga, e que contemple ademais liñas de financiamento bonificadas e axudas directas para os sectores e territorios máis afectados pola seca.

Por último, chamamos á suspensión da inclusión do lobo no LESPRE, a Listaxe de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial. A decisión, oficializada en setembro de 2021, toma unha nova vixencia tras a decisión no Convenio de Berna de rebaixar a protección do lobo na UE.

Programa da convocatoria

A concentración celebrarase na porta do ministerio de Agricultura, situada no Paseo de Infanta Isabel, 1 en Madrid. Está previsto que comece ás 11 horas e que dure arredor de dúas horas e media. Os medios de comunicación están convidados a cubrir o evento a partir das 11.30 horas, e prevese que a partir das 13 horas interveñan o presidente de ASAJA, Pedro Barato, e un representante da COAG. Os autobuses coas persoas que desexen participar estarán aparcados na rúa Alfonso XII, ao lado do parque do Retiro e próxima ao propio ministerio.

Leave A Comment