Miles de agricultores e gandeiros chegados de todos os puntos da xeografía española, entre os que se atopaban os representantes da delegación galega organizada pola Asociación Agraria de Galicia, concentráronse esta mañá ante as portas do ministerio de Agricultura para dicirlle ao Goberno español que non queren este Acordo entre a Unión Europa e Mercosur. A decisión aínda non é firme e ASAJA e COAG, as dúas organizacións que convocaron a acción, avanzan que manterán a presión para tentar que este tratado non vexa a luz, nas condicións actuais.

 “Stop Mercosur” e “Mercosur e a UE asfixian ao campo español” foron as dúas lendas máis repetidas nas pancartas e resumen o sentir do sector agrario do noso país ante a última agresión aos profesionais do campo. “Non nos importa competir -explicou o presidente de ASAJA, Pedro Barato-, sempre que o fagamos coas mesmas regras do xogo, porque este acordo non contempla nin a reciprocidade, nin as cláusulas espello”.

O acordo alcanzado entre a presidenta da Comisión Europea, Úrsula von der Leyen, e os máximos dirixentes de Mercosur aínda non é firme, xa que necesita o referendo do Consello de ministros da UE e do Parlamento Europeo, e en tanto iso non se produza, as organizacións maioritarias españolas “manteremos a presión para que este Tratado non vexa a luz”.

Esta era a principal reivindicación, pero non a única. Uns prezos xustos en orixe; unha verdadeira política hidráulica que vertebre e optimice os recursos; unha xestión racional que permita a convivencia do lobo coa explotacións gandeiras; unhas incorporacións de xente nova que permitan a substitución xeracional ou un sistema de seguros agrarios acorde ás necesidades do campo foron reivindicacións que estiveron presentes e que seguen sen cumprirse a pesar do paquete de 43 medidas que o ministerio puxo en marcha o pasado mes de abril e que se demostrou claramente insuficiente.

Leave A Comment