A Asociación Agraria de Galicia (ASAGA) reuniuse este luns co director xeral de Gandaria, Agricultura e Industrias Agroalimentarias da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia, José Balseiros, que nos transmitiu o cambio de criterios do Ministerio de Agricultura ao respecto da vacinación contra a enfermidade de lingua azul do gando ovino e bovino.
Segundo os novos criterios, a vacinación deixa de ser obrigatoria e pasa a ser voluntaria en toda España, agás Baleares e Canarias. Isto apunta a unha estratexia centrada na prevención en vez de na erradicación, o que se fará oficial coa publicación da decisión a través dunha orde ministerial nas próximas semanas.
No encontro, a administración autonómica trasladou ás organizacións as principais conclusións da reunión mantida a pasada semana con Valentín Almansa, director xeral de Sanidade da Produción Agroalimentaria e Benestar Animal do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación. O cambio de estratexia inclúe a retirada das restricións para a liberdade de movemento dos animais por todo o territorio nacional.
Francisco Bello, presidente de Asaga, valora o cambio de estratexia. “É importante destacar esa voluntariedade”, sintetiza. “Debido á posible incidencia da enfermidade, pode haber algunha zona onde poida ser interesante que de xeito voluntario se siga vacinando”.
Neste senso, destaca que a decisión “ten dúas vertentes. Por un lado o tema sanitario, pero por outro lado tamén o tema económico”, incide. “Se o ministerio non vai a poñer a súa parte de diñeiro para seguir sufragando a vacina da lingua azul, as comunidades autónomas tampouco teñen a capacidade orzamentaria para afrontar elas solas o tema, o que fará que, ao non ser gratuíta e obrigatoria a vacina, moitos gandeiros deixarán de vacinar”.
Isto non quita que, en liñas xerais, a valoración sexa positiva. “Sobre todo, que se liberen os movementos de animais nos parece importante, porque ese tema xera moitos problemas. Administrativamente, tamén é unha carga mais e, polo tanto, é bo que que o gandeiro volva a recuperar a facilidade para mover o gando”.
“Para nós é boa medida que sexa voluntario”, sintetiza. “A nosa opinión é favorable a que esta orde saia canto antes”.
- Galego
- Español
