A Asociación Agraria de Galicia considera inaceptables as medidas propostas pola Comisión Europea (CE) para o próximo Marco Financeiro Plurianual. O comisario xefe, Jean-Claude Juncker, e o comisario de orzamentos, o alemán Günther Oettinguer, anunciaron un recorte do 5% de cara ao vindeiro orzamento da PAC e outro recorte do 4% en pagos directos.
Debido a este recorte inxustificado proposto polos servizos da CE, temos moitas dúbidas de que se poidan conseguir os retos aos que a agricultura europea se enfronta na actualidade, como producir máis con menos, o respecto ao medio ambiente, fixación e xeración de emprego e desenvolvemento das zonas rurais máis desfavorecidas. Así mesmo, non se pode cargar sobre as costas dos agricultores europeos o coste da saída do Reino Unido (Brexit) da Unión Europea.
Ademais, a CE, á hora de calcular os orzamentos da futura PAC, fíxoo mediante prezos enganosos, xa que non tiveron en conta a inflación. Algo fundamental á hora de calcula-las partidas económicas necesarias para desenvolve-las políticas.
Non entendemos como nun momento no que a renta agrícola sitúase moi por debaixo da media do resto dos sectores económicos, a CE propon unha baixada do 4% dos pagos directos. É un auténtico despropósito, e máis se se quere facer atractiva a incorporación de mozos ao sector agrario.
[heading]Aumento das aportacións dos EEMM[/heading]
Dende a Asociación Agraria de Galicia demandamos que se aumenten as aportacións dos Estados Membros (EEMM) ao orzamento comunitario ata o 1,3 do Produto Nacional Bruto, tal e como demanda todo o sector e o Parlamento Europeo. Se os EEMM consideran que coun aumento ata o 1,114 será suficiente para dotar de partidas orzamentarias ás políticas clásicas (PAC e Cohesión), e que ademais haberá para as novas (migración, control de fronteiras, defensa, Erasmus +…); están moi errados. Con este aumento tan insuficiente é imposible responder aos retos aos que se enfrontan os 27.
Europa está nun momento de liderazgo nos compromisos medioambientais (como vimos trala sinatura da COP21), e esta baixada orzamentaria podería supor unha desaparición da ambición mostrada para conseguir unha agricultura máis sostible.
Ademais, retos coma a seguridade alimentaria –para non depender de terceiros países-, a loita contra o despoboamento rural ou os obxectivos das Nacións Unidas para conseguir un desenvolvemento sostible tamén quedan en cuarentena.
De tódolos xeitos, non hai que esquecer que se trata dunha proposta lexislativa presentada pola CE e que terá que busca-lo consenso dos outros dous órganos co-lexisladores. É dicir, o Consello e o Parlamento Europeo. Sen o consentimento deles, esta proposta non poderá seguir adiante.
[heading]Desenvolvemento rural[/heading]
En canto ao recorte que tamén sufrirá o II Pilar da PAC, o desenvolvemento rural, as estimacións falan de que podería chegar á inaceptable cifra do 15 %. Algo tamén inxustificable, xa que esta partida serve para dinamiza-las zonas rurais e permite recolle-las especificidades propias que teñen as diferentes rexións.
Ademais, e por se fora pouco, a CE propón subir o nivel de co-financiación, das zonas rurais desfavorecidas ata o 75 %, cando anteriormente se situaba no 50 %. Se xa é complicado que as rexións co-financien a metade das partidas, esta subida podería supor a desaparición destos programas.
Animamos ao Ministerio de Agricultura e á ministra Isabel García Tejerina a que intensifiquen as reaccións ante a CE e que, a súa vez, busquen aliados dentro dos países europeos para defender un orzamento digno e adecuado para facer fronte a tódolos retos aos que se enfronta a agricultura europea.
Finalmente, deberíamos acabar cunha reflexión: tódolos países desenvolvidos apoian a súa agricultura. Incluso, moito máis do que o fai a UniónEuropea coa PAC. Temos o caso de Noruega (957 € por habitante/ano), Xapón (434 €), Estados Unidos (389 €) ou Canadá (228€), mentres que o gasto que fai a UE é de só 190 €, o que é menos de 50 céntimos ao día. Por todo isto, aqueles países ou gobernos que non son partidarios de aumenta-lo orzamento –sobre todo o da PAC ou da Cohesión-, deberían replantearse a súa posición tendo en conta que son eles mesmos os principais beneficiarios de ser membros dun mercado único, como recoñece a propia Comisión Europea.
Comments are closed.