Os socios do proxecto SOST4VID Asociación Agraria de Galicia ASAGA e SOLTEC INGENIEROS S.L. organizaron unha xornada divulgativa este xoves nas instalacións da adega As Laxas, situada no municipio pontevedrés de Arbo, para comprobar o estado da iniciativa. Na cita participou unha delegación do consorcio que lidera a Asociación e co que está a desenvolver a iniciativa. Ademais de ASAGA e SOLTEC, neste consorcio están o centro de investigación EVEGA e a consultora MEDRAR INNOVATION OFFICE, así como a propia adega As Laxas e a bodega Guímaro.

Durante a visita, as persoas asistentes puideron achegarse ata os paneis solares instalados nas fincas da adega, ademais de realizar unha posta en común dos últimos avances e retos pendentes do proxecto.

En concreto, en As Laxas instaláronse dous paneis con tres placas cada un, situados por riba das propias videiras nunha das plantacións. Trátase duns paneis especiais, non opacos, específicos da tecnoloxía agrovoltaica, que aseguran que pase luz solar suficiente para o crecemento dos cultivos. A instalación complétase con cámaras e sensores en superficie e en terra para a monitorización de variables como pluviometría, vento, temperatura ou presión atmosférica.

Esta recollida de datos será clave para descubrir como impacta a propia instalación no cultivo e na adega. Durante os próximos meses, recolectarase e analizarase a información destas mostras para, despois, extrapolar os resultados ao resto da explotación e, así, estudar o potencial da iniciativa a distintos niveis, como a captación de enerxía solar, subministro eléctrico, impacto na pegada de carbono ou efectos na uva.

Análise

Tras da visita ás instalacións, a xornada completouse cun encontro onde se analizou o estado do proxecto e se confirmaron os seguintes pasos a dar. En principio, a iniciativa estará en activo ata finais de 2026, cando está prevista a presentación de resultados.

Francisco Bello, presidente de ASAGA, explica que desde a Asociación trátase de poñer ao alcance de profesionais de todas as actividades do campo ferramentas para mellorar a rendibilidade e, ademais, reducir a pegada de carbono, especialmente a través de tecnoloxías como a sensórica ou a robótica e de enerxías limpas como os paneis fotovoltaicos do propio proxecto. “Cremos que é un proxecto de innovación interesante”, destaca.

Bello afonda no potencial que este tipo de solucións poden ter en zonas como a Ribeira Sacra, onde as explotacións típicas da viticultura heroica teñen máis difícil acceso tanto para chegar ás propias vides como para a subministración de auga corrente ou enerxía. “O que buscamos tamén é que este tipo de proxectos sexan replicables e que se poidan estender a outras plantacións doutros socios ou doutras industrias”.

Pola súa banda, Rubén Simón, responsable de exportación e un dos propietarios de Bodegas As Laxas, apunta varios dos motivos polos que este proxecto resulta de interese. “Ao final hai que intentar ver se hai unha alternativa ao propio cultivo da vide”, sinala. “Ter dúas actividades no mesmo terreo pode ser algo beneficioso para cando os custos son axustados ou os prezos suben. Aparte, cos datos que se toman, pódese analizar a propia evolución do cultivo e ver se nos podemos adiantar por exemplo no tratamento a determinadas enfermidades”.

O proxecto SOST4VID desenvolverase durante tres anos, ao amparo das axudas convocadas pola Axencia Galega de Calidade Alimentaria (Agacal) no ano 2023 para a execución de proxectos innovadores dos grupos operativos da Asociación Europea da Innovación (AEI), cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (Pepac) 2023-2027.

 

Placa solar na adega As Laxas

Placa solar na adega As Laxas

 

Placa solar na adega As Laxas

Placa solar na adega As Laxas

 

Visita á finca da adega As Laxas

Visita á finca da adega As Laxas

 

Visita á finca da adega As Laxas

Visita á finca da adega As Laxas

Reunión na adega As Laxas

Reunión na adega As Laxas

 

Reunión na adega As Laxas

Reunión na adega As Laxas

 

Reunión na adega As Laxas

Reunión na adega As Laxas

Leave A Comment