A Asociación Agraria de Galicia ven de confirmar o seu firme rexeitamento en Bruxelas, ao recorte da asignación á Política Agraria Común (PAC), presentado onte mércores, 16 de xullo, pola Comisión Europea, para o novo marco financieiro plurianual (MFP), que abarca o periodo 2028-2034, en favor do aumento noutros gastos que considera máis importantes e prioritarios. Dita reducción da asignación, ven derivada da decisión de eliminar os dous pilares que ata onte, compoñían os fondos agrícolas: o Fondo Europeo Agrícola de Garantía (FEAGA), e o Fondo Europeo Agrícola de Desarrollo Rural (FEADER). No seu lugar, crearase un fondo único no vindeiro Marco Financieiro Anual da Comisión Europea.
“A partir de agora, a PAC deixará de recibir un orzamento propio para pasar a formar parte dun fondo unificado de cooperación nacional e rexional, compartido con outros sectores que nada teñen que ver co agrogandeiro, como por exemplo a pesca ou a inmigración”. Así o explicou o presidente de ASAGA, Francisco Bello, insistindo no feito de que “o sector se verá moi afectado por esta decisión” e que terá “consecuencias que poden ser moi serias”.
ASAGA lamenta profundamente que este recorte, que supón un 20% menos de asignación con respecto ao anterior orzamento a longo prazo, lle afecte directamente á PAC a partir do ano 2027, pasando dunha asignación de 387.000 millóns, a un mínimo de 300.000 millóns.
Co obxectivo de amosar o máis férreo desacordo con esta decisión e solicitar que se reverta esta situación, unha delegación de ASAGA desprazouse onte a Bruxelas, xunto cunha representación de ASAJA, para participar nunha manifestación protagonizada por agricultores e gandeiros europeos, de 14 nacionalidades diferentes, citados ás portas do edificio principal da Comisión Europea. ASAGA e ASAJA foron, xunto coa asociación agrícola máis grande Italia, Coldiretti, os colectivos con maior representación na protesta.
Malos presaxios
Esta é unha situación que ASAGA leva meses denunciando, como se pon de manifesto no editorial da súa revista Axenda Agraria do mes de marzo, cando o presidente da Asociación, Francisco Bello, xa intuía que “o gasto en defensa e seguridade en toda Europa” estaba a “tensionar moito aos responsables dos orzamentos que, como sempre tratarán de sacar fondos daqueles sectores, coma o agrario e o gandeiro, que aportan menos votos e polo tanto son menos relevantes”.
Naquel momento, xa advertía Bello, que ASAGA non ía “tolerar que os incrementos noutras partidas de gasto, vaian a costa das imprescindibles axudas da PAC que deben ser mantidas, e mesmo incrementadas, para garantir a soberanía alimentaria europea”.
Desde esta Asociación advertimos dos riscos para o sector agrogandeiro, que non pode ver recortado unha vez máis o seu orzamento, e solicitamos que a Comisión recapacite e restitúa unha asignación digna dun sector que representa, aproximadamente, o 12% do Producto Interno Bruto (PIB) industrial da comunidade galega.
- Galego
- Español
