A Asociación Agraria de Galicia quere facer público hoxe o seu máis profundo pesar polo falecemento onte de José Yáñez García, quen foi alcalde da Pastoriza durante máis de dúas décadas. Dende 1985 a 2007, José Yáñez desenvolveu algúns dos máis importantes proxectos deste concello da Terra Chá, como o polígono, a Casa da Cultura, o circuito de kárting, a nova casa consistorial, ou as vivendas sociais de Reigosa, Bretoña e a capital municipal; entre moitos outros.
O presidente de ASAGA, Francisco Bello, quixo destacar hoxe o forte compromiso de José Yáñez co rural. “Foi Pepe quen conseguiu levar a traída de auga a todas as parroquias da Pastoriza. Un servizo fundamental nun municipio no que a gandería ten un peso tan importante. Sempre que dende a nosa organización lle pedimos colaboración, el axudounos en todo o que puido”.
O fundador do Grupo Bascuas sempre foi un gran defensor dos intereses do rural
Grupo Bascuas
Na súa faceta empresarial, tamén debemos destacar a importancia na provincia de Lugo do Grupo Bascuas, compañía fundada por el e da que dependen moitos postos de traballo directos e indirectos. Obra pública, materiais de construción e canteiras de áridos son algúns dos sectores nos que esta firma desenvolven a súa actividade.
A Xunta Directiva da Asociación Agraria de Galicia quere transmitir as súas condolencias aos familiares e achegados do finado.
- Galego
- Español
