A Asociación Agraria de Galicia “fará frente común”, co resto de organizacións profesionais agrarias de Galicia, en coordinación coa Consellería de Medio Rural, “para defender a existencia da Política Agraria Común, PAC, tal e como era”, a través da creación dun grupo de traballo específico co sector agrogandeiro, que logre unir forzas ante a nova proposta presentada pola Comisión Europea para o período 2028-2034.
Así o explicou o presidente de ASAGA, Francisco Bello, que apuntou, á saída da reunión desta mañá en Santiago, que agora o importante é “estar xuntos e defender o noso modelo de gandería e de agricultura” evitando que “non se desmantelen os dous pilares da PAC, avogando pola defensa do segundo, de todo o que ten que ver co desenvolvemento rural e cas axudas para a modernización de explotacións, etc.”
Da mesma opinión é a responsable da Consellería do Medio Rural, María José Gómez, presente esta mañá en dita reunión, na que tamén se acordou convocar o Consello Agrario Galego á volta do verán”, co obxectivo de traballar “a favor do sector rural galego, que engloba todo, e defender os intereses de Galicia, diante desta nova conxuntura”, explicou.
O recorte inicial dun 20% menos de asignación, con respecto ao anterior orzamento, reducirá os fondos uns 80 millóns de euros anuais para o rural galego, e máis de 400 millóns no conxunto do período 2028-2034. Francisco Bello lembrou que “aceptar recortes na PAC, significará incrementos de precios nos produtos para os consumidores, e desabastecemento dalgúns deles nos mercados”.
Acudir a Bruselas
O presidente de ASAGA afirmou que a reunión de hoxe “é un primeiro paso” ante a decisión da Comisión. A partir deste momento, “hai que pensar que a nosa batalla hai que elevala sobre todo ao Parlamento Europeo, porque o importante é que os eurodiputados defendan aos agricultores; lles pediremos, sobre todo aos grupos políticos maioritarios en Bruselas, que defendan a actual PAC”.
- Galego
- Español
