A Asociación Agraria de Galicia (ASAGA) advirte de prácticas abusivas no mercado do leite. Nun contexto difícil para o sector, que vén de sufrir anos de prezos baixos e peche de explotacións, ao que se suma o descenso da produción de leite, as industrias lácteas están a tentar cambiar as condicións dos contratos que manteñen cos produtores.

Tras unha longa tempada na que se negaban a asinar contratos de máis de catro meses, as industrias están a propoñer a sinatura de novos contratos de polo menos oito meses. Un movemento que, lonxe de supoñer unha vantaxe, busca a blindaxe ante unha previsible mellora das condicións económicas para as produtoras nas próximas semanas. A ampliación dos contratos foi notificada a ASAGA por varios dos seus asociados nas últimas datas, tras ser estes avisados polas empresas de cara á próxima renovación dos actuais contratos.

“As industrias están a demostrar que unicamente miran polos seus propios intereses, aproveitándose dunha situación convulsa”, defende Francisco Bello, presidente de ASAGA. “Este movemento fai máis difícil a supervivencia das explotacións, que xa veñen de meses de ter que funcionar nun contexto de altísimos costes de produción, que dificultan enormemente a súa viabilidade económica”.

Prezo por litro

Ademais, ASAGA denuncia diferenzas notables de retribucións entre as pequenas explotacións e o resto na comunidade. Tras meses de manterse á expectativa, analizando datos recadados tanto a través dos propios asociados como de distintas causas xudiciais, a Asociación detectou que a variación no pago do leite pode chegar a supoñer entre 10 e 11 céntimos por litro máis para as granxas de maior tamaño fronte ás pequenas.

Isto supón que, de media, as empresas produtoras de menor tamaño reciben 40-41 céntimos por litro, mentres que as grandes cobran entre 50 e 51 céntimos de prezo base. Supón, por tanto, un 25% máis de remuneración. “No sector non se lembra unha diferenza tan brutal”, resume Bello. “As pequenas explotacións constitúen unha parte esencial da industria do leite en Galicia, e con esta diferenza de trato estase a producir un dano significativo en toda a cadea”.

“Resulta precisa unha revisión das condicións en profundidade, na que se impliquen todos os axentes, se queremos que o sector lácteo manteña a súa relevancia na comunidade e que non se expulse a ningún produtor do mercado”, concluíu Francisco Bello.

Leave A Comment