Moitos viticultores poderían quedarse sen vender as súas uvas, debido ao importante aumento da superficie de viñedo que sufriu a D.O. nos últimos anos
A Asociación Agraria de Galicia, tras recibir as queixas de moitos viticultores das Rías Baixas, quere mostrar a súa preocupación polo futuro do sector na comarca. Como esta organización xa leva tempo denunciando, dende 2019 moitas adegas aumentaron considerablemente a súa superficie de viñedo plantado. Aínda que é verdade que a demanda existente nese momento posibilitaba que se plantasen máis hectáreas para aumentar a oferta, o certo é que nestes seis anos apareceron moitas máis hectáreas novas de albariño das que necesitaba o sector.
ASAGA xa avisou en reiteradas ocasións nos últimos tres anos ao Consello Regulador de que a tendencia que se estaba impoñendo en Rías Baixas poñería en perigo a supervivencia de moitas explotacións vitícolas. E, nestes momentos, a situación xa é grave. Actualmente, as adegas teñen un excedente de máis de 13 millóns de litros de viño nos seus depósitos. Para Julio César Reboredo, vogal de ASAGA no pleno do Consello Regulador da D.O. Rias Baixas, “esta situación empeorará notablemente cando remate a vendima deste ano, na que está previsto que se recollan máis de 50 millóns de kilos. Unha cantidade de uvas que se transformará, aproximadamente, nuns 35 millóns de litros. Como van facer as adegas para sacar ao mercado máis de 48 millóns de litros?”.
Baixada do prezo da uva
A primeira consecuencia desta situación xa se está vendo no prezo das uvas. Por conversas que tivemos con varios viticultores, calculamos que o prezo medio que se pague este ano polo albariño será notablemente menor que en 2024. Unha baixada que fai que actualmente xa hai bodegas que estén pagando o albariño por debaixo do seu coste de produción. Para Julio César Reboredo, a situación “é máis grave do que se pensa, xa que moitos viticultores non van poder vender todas as súas uvas porque as bodegas non poden asumir máis produto. Por desgracia, por primeira vez en moito tempo, podería haber uva que quedará nas cepas sen recoller. E se a situación non é aínda máis dramática, é gracias a que algunhas adegas moi implicadas co futuro da comarca sabemos que están facendo un gran esforzo para mercar o máximo número de kilos que poidan. Unha tendencia que, se non se toman medidas, empeorará nos vindeiros anos. Sobre todo, cando as novas plantacións estén xa en plena produción, e moitas adegas non necesitarán mercar máis uva das que producen eles mesmos”.
Ante esta situación, a Asociación Agraria de Galicia reclama ao Consello Regulador que faga o seu traballo, que precisamente é regular o sector, equilibrando a produción coa demanda real. Entre outras medidas, poderíase solicitar ao Ministerio de Agricultura que limite e restrinxa as novas plantacións en Rías Baixas. Polo menos, ata que a situación esté controlada.
- Galego
- Español
