Francisco Bello: “A oito días de estar funcionando as axudas da Xunta, aínda non temos noticias da Administración central”.
A Asociación Agraria de Galicia esixe ao Goberno central que axilice a chegada das axudas prometidas aos afectados pola oleada de lumes que sufriu Galicia, sobre todo, a provincia de Ourense. “Onde están as axudas prometidas polo Goberno central? O presidente veu a Ourense e dixo que ía haber axudas para todos; a oito días de estar funcionando as da Xunta, aínda non temos noticias da Administración central”, afirmou Francisco Bello, presidente de ASAGA.
O representante de ASAGA fixo estas declaracións á saída da reunión que mantivo esta mañá coa Conselleira de Medio Rural, María José Gómez, na que explicou as actuacións da Xunta de Galicia para paliar a situación. “Veu a poñernos ao tanto das tramitacións pertinentes e falamos de cousas prácticas do día a día; nos pareceu moi áxil a resposta da Consellería, tanto na convocatoria como na habilitación de oficinas e a facilidade de tramitación das axudas, con cuantías económicas que nos parecen proporcionadas á situación”, asegurou Bello.
Porén, en contraste coa rapidez coa que a Xunta xestionou a súa resposta, “o Goberno central aínda non deu un primeiro paso”.
Viabilidade das explotacións
Na reunión coa Conselleira, tamén se abordou a situación da vendima nas diferentes denominacións de orixe de Galicia. Según explicou Bello, se alertou á responsable da Xunta “da necesidade de que os produtores vexan compensados os seus custes de produción, cumprindo a normativa e a Lei de Cadea Alimentaria, para que non haxa uvas por debaixo do custe de produción en ningunha D.O. de Galicia e que se asegure o beneficio necesario para o mantemento e viabilidade das explotacións”.
Adiantou o presidente de ASAGA que, trala recollida da uva, “manteremos reunións en cada unha das denominacións de orixe para coñecer o resultado final e onde é necesario comezar a tomar medidas de cara ao futuro, para evitar problemas en anos vindeiros”.
Imaxe: Francisco Bello e María José Gómez nunha reunión anterior.
- Galego
- Español
