O Ministerio de Traballo está reclamando a agricultores que teñen o campo coma unha segunda fonte de ingresos que coticen polos exercicios pasados nos que facturaron pola venda de produtos agrícolas, coma, por exemplo, a uva ou as hortalizas. Polo visto nos expedientes que están abrindo, parece que van obrigalos a darse de alta como autónomos, aínda que xa estén cotizando por conta allea noutra empresa. Dende a Asociación Agraria de Galicia entendemos que esa medida é un grave erro que provocará importantes danos nos pobos de Galicia e España.
Antes de nada, queremos deixar claro que estamos completamente en contra de calquera tipo de venda de produtos agrícolas sen declarar. Calquera operación na que un agricultor, profesional ou esporádico, reciba un ingreso, ten que aparecer na declaración da renda desa persoa. Tal é como se estivo esixindo legalmente, xa que aínda que alguén non supere os ingresos mínimos para presentar o IRPF, se fai calquera tipo de venda agrícola, aínda que sexa de un euro, está obrigado a presentar a declaración da renda.
A Asociación Agraria de Galicia defende que con ese nivel impositivo os intereses do Estado xa están suficientemente cubertos. Obrigar a alguén a darse de alta como autónomos, aínda que só sexan 2 ou 3 meses ao ano, pola venda dun produto agrícola como pode se-la uva ou a castaña, pode ter consecuencias moi negativas para o medio rural. Hai que ter en conta que para percibir un ingreso pola venda dese froito, o agricultor ten que cubrir antes moitos gastos: produtos fitosanitarios, combustible, maquinaria, fertilizantes, etc. Iso sen contar as súas horas de traballo. Por iso, se finalmente se ven obrigados a darse de alta no réxime de autónomos, a gran maioría deses agricultores deixarían de coidar as súas parcelas agrícolas porque a súa ganancia sería moi pequena, ou incluso inexistente. Zonas que agora están coidadas, pasarían a estar abandonadas.
Que un agricultor non profesional teña que darse de alta en autónomos para poder vender un froito que xa está declarando no IRPF é un grave perigo para a supervivencia do rural
A “España vaciada”
Nesta época na que tanto se está falando da “España vaciada”, da necesidade de apostar por políticas de desenvolvemento rural que intenten evita-lo grave perigo que sufren moitos pobos da península de convertirse en aldeas abandonadas, medidas impositivas coma a que estamos criticando farían un dano irreparable no medio rural. Queremos pedirlle ás administración públicas que recapaciten sobre esta situación, e que anulen por lei a necesidade de que un agricultor esporádico teña que darse de alta en autónomos para poder vender un produto agrícola, que, por outra parte, xa está declarando no IRPF.
Comments are closed.