Tras unha reunión coa conselleira de Medio Rural, na que aproveitou para pedir a intercesión da Xunta ante o Ministerio e lograr que axilicen as axudas da EHE

O presidente da Asociación Agraria de Galicia -ASAGA, Francisco Bello, mantivo unha reunión esta mañá coa conselleira de Medio Rural, María José Gómez, para abordar a situación actual do sector lácteo. Francisco Bello, ante a chamada de estabilidade e equilibrio feita pola titular de Medio Rural, salientou que a aposta pola sostibilidade e a transparencia son tamén factores fundamentais para garantir a confianza no sector.

Neste sentido, o presidente de ASAGA coincidiu na necesidade dun sector que xere seguridade e constancia sobre todo aos axentes protagonistas. Así, Francisco Bello subliñou que isto é precisamente “o que pedimos os gandeiros xunto con cláusulas contractuais xustas, claras e transparentes para garantir a posición estratéxica do sector lácteo galego”.

Nunha reunión na que tamén participaron outras organizacións agrarias, Francisco Bello destacou que diante da renovación dos contractos lácteos que se realizou ao longo destes meses, desde ASAGA xa se advertiu que “non existía ningunha razón para a baixada unilateral de prezos tal e como se pretendía por parte da industria láctea”.

Neste sentido, o presidente desta asociación valorou moi positivamente que “a pesar de pequenas e inxustificadas baixadas dalgunha industria, a maioría optase por manter os  prezos e incluso recoñecesen que hai marxe para traballar nunha mellora nos próximos meses”. Neste punto reiterou que os gandeiros necesitan estabilidade, xunto con contratos claros, xustos e transparentes “para garantir a sostibilidade do estratéxico sector lácteo galego”.

Cumprir o anunciado
Francisco Bello tamén aproveitou para solicitarlle á Consellería que interceda ante o  Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación para que cumpra co anunciado no que se refire ao asunto da EHE (Enfermidade Hemorrágica Epizoótica).

 

“É preciso que reparta entre as Comunidades Autónomas a partida dos 15M€  que xunto con outros 15M€ das Comunidades financien os gastos ocasionados polos tratamentos e incluso os costes das vacinas para compensar as perdas producidas nas explotacións con animais enfermos”, salientou.

 

Neste sentido, agradeceu a disposición da Xunta de Galicia cando o pasado ano foi a primeira Comunidade Autónoma en adoptar medidas para indemnizar de modo inmediato aos gandeiros que rexistraron mortes ou sacrificios de gando producidos pola enfermidade.

 

Leave A Comment