Considera prioritario vacinar aos animais das provincias máis afectadas polo virus hemorráxico, medida na que as Administracións deben apoiar aos gandeiros

As vacinas son practicamente a única ferramenta para loitar contra enfermidades vectoriais e de natureza multi-hospedador, como a enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) ou a lingua azul, segundo subliña a Organización Colexial Veterinaria (OCV). Ambas son enfermidades compartidas por ruminantes silvestres e domésticos, transmitidas por pequenos dípteros do xénero Culicoides, con presenza en España e xa en Galicia.

Por este motivo, no concernente á EHE, desde ASAGA e tal como recomenda o máximo órgano representativo da profesión veterinaria, considérase prioritario vacinar á cabana de bovino das provincias do norte do país máis afectadas na actualidade –as catro de Galicia, León, Asturias e Cantabria-. Pola contra, noutras comarcas do centro e do sur, onde o virus se expandiu o ano pasado e se alcanzou un grao de inmunidade de rabaño non fai estritamente necesaria a inoculación das doses.

Dado que a vacinación fronte á EHE non é obrigatoria, a decisión debe tomala cada gandeiro. Neste sentido, para ASAGA resulta fundamental que o gandeiro estea sempre aconsellado polo seu veterinario e os servizos oficiais para valorar o custo de cada dose e do manexo requirido para a súa administración, ademais de estudar o historial sanitario recente do rabaño e a situación epidemiolóxica da comarca e da rexión. Igualmente, debe considerarse a situación de produción dos animais e as consecuencias que tería a infección en caso de entrada na granxa.

400.000 doses
Os avances en investigación sobre a EHE permitiron lograr unha vacina que desenvolveu un laboratorio galego, que en apenas un mes distribuíu en España unhas 400.000 doses, a partir de virus inactivados e adxuvantadas con hidróxido de aluminio.

Ademais, ASAGA reclama ao Ministerio de Agricultura que, do mesmo xeito que Francia, apoie economicamente aos gandeiros interesados na vacinación, nun compromiso claro para mellorar a sanidade pecuaria e a saúde pública que debe ser fundamental en calquera axenda de goberno.

Ademais, valora moi positivamente que a Xunta de Galicia, xa desde o 2023, habilitase importantes axudas para os gandeiros afectados e reclama que o Ministerio publique urxentemente a normativa necesaria cos fondos prometidos ás CCAA para atender toda a problemática que se xerou con esta nova enfermidade.

Leave A Comment