Demanda que se faga un informe serio e rigoroso con datos reais de produción e se incremente un 25% os valores de rendemento das variedades lado e treixadura
A Asociación Agraria de Galicia-ASAGA vén de solicitar ante o CRDO Ribeiro a convocatoria urxente dun Pleno deste órgano co fin de analizar o que está a acontecer na vendima deste ano e que supón un agravio para todos os viticultores da zona que están a ter unha “colleita excepcional”.
ASAGA destaca que o Consello Regulador aprobou o pasado mes de agosto un informe de estimacións de rendemento da vendima 2024 baseado nuns datos técnicos que non recollen a realidade de uva que existe nos distintos viñedos en canto a variedades autorizadas, preferentes e produción real nas distintas explotacións.
Neste sentido, todos os viticultores do Ribeiro, sobre todo os titulares de parcelas de menos de 1.000 metros con marcos de plantación moi diferentes ao das grandes parcelas, teñen nas súas viñas unha produción moi superior ao rendemento establecido e estimado, o que está a provocar un grave problema na recepción de uva nas distintas adegas.
“Nunha campaña cunha colleita excepcional, cuantitativa e cualitativamente, óptima a nivel sanitario, e con capacidade de compra por parte das adegas; non ten sentido martirizar aos pequenos e esforzados agricultores desta comarca, que manteñen as viñas, coidan o territorio e sustentan o rural galego”, destaca ASAGA nun informe.
Ademais, a organización subliña que algunhas adegas están metendo uvas preferentes ata o límite de rendemento das autorizadas, con prezos de autorizadas, ou de mesa pagando a un prezo moi inferior, sen que o CRDO Ribeiro adopte ningunha medida ao respecto.
Neste contexto, faise precisa unha reunión urxente do CRDO Ribeiro para analizar todas estas circunstancias ao tempo que ASAGA solicita que se elabore un informe serio e rigoroso con datos reais da produción que permita incrementar nun 25% os valores de rendemento máximos para as variedades de lado e treixadura.