As organizacións agrarias e a Consellería de Medio Rural alcanzaron hoxe un acordo no que se compensarán os danos provocados pola enfermidade no gando galego

O presidente de ASAGA Galicia, Francisco Bello, valorou o acordo alcanzado esta mañá entre as organizacións agrarias e a Administración autonómica para garantir as axudas ás explotacións gandeiras que sufriron e están a sufrir a EHE entre os seus animais.

Francisco Bello salientou que este entendemento foi froito do traballo que se vén desenvolvendo entre as dúas partes desde hai semanas e tamén da vontade de diálogo e a sensibilidade amosada pola Consellería de Medio Rural coa situación do sector. “Todos os gandeiros afectados van cobrar as axudas”, afirmou o presidente de ASAGA Galicia, ao tempo que engadiu que a medida tenta paliar os danos causados en Galicia pola enfermidade.

No encontro participaron os responsables de ASAGA Galicia, Unións Agrarias e a Consellería de Medio Rural, e nel ultimáronse as axudas que non só buscan contribuír a paliar as perdas por morte de animais positivos -cuestión xa contemplada ata agora e que se complementará-, senón tamén compensar os custos veterinarios e de desinsectación no gando e nas instalacións.

Todos as entidades reunidas coincidiron en destacar a vontade de colaboración en alcanzar un acordo tras as negociacións mantidas nas últimas semanas. Así, segundo explicou o director xeral de Gandería, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, a tramitación está vinculada á publicación do Real Decreto que regulará os criterios e posterior reparto de fondos, prevista para a vindeira semana segundo o avanzado polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación.  Galicia leva reclamado e urxido ao Ministerio esta cuestión, clave para poder avanzar na tramitación interna desde as diferentes comunidades.

As axudas que se concederán na Comunidade galega tramitaranse de xeito directo, polo que as explotacións gandeiras afectadas pola EHE non terán que presentar máis documentación, só aceptar a achega. A relación dos beneficiarios obterase da base de datos da Consellería do Medio Rural onde figuran as explotacións que rexistraron casos tanto no 2023 como ao longo deste ano.

Imaxe da reunión de Francisco Bello co director xeral de Gandería, José Balseiros, e co representante de UUAA

Leave A Comment