Esta votación é determinante para modificar a Directiva Hábitats, que a día de hoxe condena a nosa gandería á indefensión total fronte aos ataques deste gran carnívoro

Mañá os Estados membros da UE, a través das súas Representacións Permanentes en Bruxelas, votarán se se inclúe na orde do día da vindeira reunión do Comité Permanente do Convenio de Berna unha proposta clave para cambiar o estatus do lobo de “estritamente protexido” a “protexido”. Esta votación é esencial para que, no futuro, se poida modificar a “Directiva Hábitats” e poñer fin á indefensión que sufren os gandeiros fronte aos ataques desta especie.

Dada a oposición da ministra española competente -Teresa Ribera- a cambiar o estatus de proteción do lobo e protexer aos agricultores galegos, dende a Asociación Agraria de Galicia, así como dende ASAJA no resto de España, solicitamos que coa maior urxencia o Goberno de España, a través da súa Representación Permanente ante a Unión Europea, vote a favor do cambio de estatus do lobo ibérico de “estritamente protexido” a “protexido” na reunión do COREPER I que se celebra este mércores. Esta votación é determinante para que o asunto sexa debatido no próximo Comité Permanente do Convenio de Berna en decembro e, máis aínda, para que no futuro se modifique a Directiva Hábitats, que a día de hoxe condena a nosa gandería á indefensión total fronte aos ataques deste gran carnívoro.

A gandería europea está en perigo. A Comisión Europea sábeo e pretende cambiar a situación. Non obstante, necesita a aprobación dunha maioría calificada de Estados membros, da que España non forma parte ata o momento. Semanalmente, centos de gandeiros de toda Europa sofren as devastadoras consecuencias dos ataques do lobo, perdendo animais e vendo ameazados os seus medios de vida. O lobo xa non é unha especie en perigo de extinción, e manter a súa proteción estricta só aumenta o sufrimento de miles de familias que ven como se destrúen os seus rabaños, sen capacidade de defensa e sen respostas por parte das autoridades.

Xustiza para os gandeiros
Non podemos permitir que esta cuestión siga sendo ignorada. É vital que España vote o 25 de setembro a favor de incluír este cambio de estatus no Convenio de Berna. Non é só unha cuestión de xestión da fauna, é unha cuestión de xustiza para os gandeiros que, día tras día, ven cómo os seus animais caen vítimas dos lobos sen poder facer nada ao respecto. A sobreproteción do lobo foi demasiado lonxe, e é o momento de actuar para protexer o futuro da gandería e das zonas rurais de España e Europa.

Se o mércores non se inclúe este punto na orde do día, será imposible cambiar a Directiva Hábitats a tempo. Non pode permitirse deixar pasar esta oportunidade. É o deber do Goberno e das nosas institucións defender aos nosos gandeiros e asegurar que a política europea reflicte as realidades do campo e da vida rural.

 

 

Leave A Comment