A Asociación Agraria de Galicia vén de facer este tríptico –que coidamos sinxelo e útil– cun resumo de consellos sobre Prevención de Riscos no uso de Maquinaria Agrícola, dada a alta sinistralidade neste eido, en especial entre a xente de certa idade: a media dos condutores falecidos neste tipo de sinistros durante o últimos tres anos en Galicia, segundo datos da Garda Civil de Tráfico, é de 64,2 anos.

Ao longo dos últimos cinco anos, a nosa rede viaria rexistrou case 350 sinistros con tractores, en 149 deles rexistráronse feridos e en 21 casos foron mortais. Este balance coloca a Galicia como unha das comunidades do Estado con máis accidentes con este tipo de vehículos, ao supoñer o 12,3% dos máis de 2.700 contabilizados en España desde o ano 2012, e o 16% dos sinistros con falecidos –que no conxunto do país ascenderon a 131 no último lustro–, segundo datos da DXT.

Os datos que achega o Instituto Nacional de Hixiene no Traballo falan de que os accidentes graves no traballo no eido agrario en 2016 subiron un 8,2% e un 10,6 % en relación ao ano 2015 en toda España. En canto ás estatísticas da Xunta de Galicia recollen 46 sinistros laborais graves e 9 mortais con tractor durante o últimos 10 anos en Galicia. Neste período, este tipo de accidentes diminuíron, pasando dos 14 rexistrados en 2007 (12 graves e dous mortais) a 4 o ano 2016 (dous graves e dous mortais), o que supón un descenso do 71%. Os datos oficiais do primeiro trimestre deste ano só recollían un accidente grave.

[heading]Visual e explicativo[/heading]

Neste folleto veñen explicados os distintos tipos de riscos que asumimos cando traballamos tanto cun tractor máis remolque como só co tractor: atrapamentos, envorcaduras, caídas, inhalacións de tóxicos, queimaduras,  atropelos, ruidos… Por exemplo, para evitar o  risco de envorcadura se imos con remolque, debemos distribuir a carga o máis uniformemente posible e non sobrecargalo.

Se non estamos illados nunha cabina temos que usar un equipo de protección individual cando estamos a facer traballos con productos fitosanitarios para evitar inhalar tóxicos; e levar un extintor no tractor, comprobando o seu estado para evitar incendios do motor ou do tubo de escape, que, ademais de poñernos en perigo, poidan facer prender un lume no monte. Tamén cómpre evitar derrames de material combustible e, se acontece, limpalo.

En canto aos atropelos están moi vencellados con paradas mal feitas por imprevistos que hai que evitar. De suceder debemos baixar polo lado oposto ao que circulan os vehículos e preocupármonos de ter os retrovisores ben colocados sen ángulos mortos, estacionando sempre sobre superficie chá, sen desniveis, e comprobando que non hai ninguén preto antes de arrincar de novo.

Comments are closed.