A finais de xullo o Ministerio de Agricultura presentou o borrador do proxecto de revisión do paquete lácteo. As medidas implantadas no 2012 pola Comisión Europea afrontan agora unha nova e necesaria posta a punto en España dadas as eivas que se foron recollendo este anos.
Os cambios propostos? Afectarían a organizacións de produtores, contratos e normas sobre primeiros compradores intermediarios. O obxectivo é mellorar o funcionamento do sistema, que demostrou defectos nos últimos anos. Por iso, implantarase un sistema de mediación voluntario entre gandeiros e industrias e aos primeiros compradores intermediarios esixiráselle unha fianza de 150.000 euros.
[heading]Solucións[/heading]
As organizacións de produtores viñan reivindicando que se lles prohibise ás industrias negociar de maneira individual coas explotacións ligadas a unha OP. É unha das cuestións que recolle este borrador de decreto proposto polo Ministerio. O documento, aberto agora ás alegacións e propostas, sinala que a granxa inscrita nunha OP deberá emitir un mandato no que concrete as cantidades de leite comprometidas coa organización de produtores. Unha vez emitido o mandato, o produtor non poderá negociar individualmente as condicións de contratación do leite. Con esta medida, búscase reforzar a posición negociadora das organizacións de produtores.
Implantarase un sistema de mediación voluntario entre gandeiros e industrias e aos primeiros compradores intermediarios esixiráselle unha fianza de 150.000 euros
[heading]Sistema de mediación[/heading]
Cando se poña en marcha un proceso de negociación entre unha organización de produtores e unha industria, se non houbese acordo nas condicións do contrato, e a condición de que exista unha oferta por escrito, o Ministerio propón que ambas partes, “de mutuo acordo”, poidan acollerse a un sistema de mediación.
Estableceuse un prazo no que o produtor deberá contestar á oferta do primeiro comprador. Poderá rexeitar a duración mínima establecida na oferta xustificándoo debidamente e deberá contestar por escrito no prazo máximo de 15 días, tanto se a acepta coma se a rexeita.
Outro punto da reforma afectaralle aos primeiros compradores intermediarios que non sexan cooperativas. O borrador do Ministerio establece que deberán depositar unha fianza de 150.000 euros co obxectivo de facerlle fronte á posible falta de pagamentos ás súas granxas provedoras. Esa fianza será executada pola Administración no caso de que sexan denunciados e verificados casos de falta de pagamentos. Tamén se lle esixirá aos primeiros compradores que informen sobre as cantidades que lle venden a cada industria e sobre o prezo de venda, a fin de que o Ministerio dispoña de todos os datos.
[heading]Urxente[/heading]
Sen unha revisión do paquete lácteo deteriórase a capacidade de negociación de miles de produtores. Na comunidade galega segue sen resolverse a falta de regulación da actividade económica dos primeiros compradores, intermediarios entre os produtores e as industrias. Ademais, están pendentes dun desenvolvemento maior as organizacións de produtores (OPL), figura que recoñece a normativa europea e que é clave para compactar a oferta.
Ante esta situación, mañá mércores, 4 de outubro, reunirase a “Sectorial Láctea de ASAJA” para estudia-lo Paquete lácteo e decidir que modificacións se pedirán ao Ministerio.
Comments are closed.