• A Asociación Agraria de Galicia apoia as peticións comunicadas polo presidente de ASAJA, Pedro Barato, no seu encontro co comisario europeo de Agricultura, Christophe Hansen.
  • ASAJA trasladou a preocupación do sector agrícola español ante o paquete de simplificación da PAC presentado pola Comisión Europea.

A Asociación Agraria de Galicia súmase as peticións de medidas efectivas para o campo que deben realizarse desde os órganos correspondentes da Unión Europea. Unhas reclamacións que trasladou o presidente da Asociación Agraria de Jóvenes Agricultores —ASAJA—, Pedro Barato, no seu encontro deste mércores co comisario europeo de Agricultura, Christophe Hansen.

Barato referiuse nesta xuntanza á preocupación do campo español ante o paquete de medidas destinado a simplificar a política agraria común, a PAC, presentado pola Comisión Europea. Este céntrase na carga administrativa, controis e aplicación, así como na resposta ás crises e nas necesidades de inversión. Desde a Comisión postúlase como unha vía para impulsar a competitividade.

Malia agradecer os avances na redución da burocracia e no apoio a explotacións pequenas e ecolóxicas, Barato reclamaba medidas para profesionais da agricultura, en liña co expresado por representantes de organizacións de Italia, Croacia, Francia, Grecia e Portugal. Desde ASAJA manteñen que a simplificación administrativa non pode servir para ocultar falta de ambición orzamentaria. “Primeiro o orzamento e logo as medidas. Sen orzamento, non hai política útil”, manifestaba Barato, explicando que non se trata de crear novos fondos senón de garantir que os xa existentes cheguen aos agricultores reais.

As organizacións participantes coinciden en valorar o talante dialogante do comisario Hansen, pero reclaman a necesidade de contar cun orzamento sólido, manter os pilares da PAC e rexeitar fondos únicos, que poden encubrir recortes.

Xornada A agricultura nos países do sur de Europa

Previo a esta reunión, o Parlamento Europeo acolleu a xornada “A agricultura nos países do sur de Europa”. Baixo a clave “Afrontar xuntos o futuro!”, o evento —organizado polo Partido Popular Europeo— contou con representantes de organizacións agrarias de España, Italia, Croacia, Francia, Grecia e Portugal, así como da Dirección Xeral de Agricultura da Comisión Europea. Na delegación española estivo presente o comité executivo de ASAJA.

O programa da xornada centrouse na problemática do sector agrario nos países do sur continental, como a escaseza de auga, a despoboación, o exceso de burocracia ou desvantaxes estruturais na cadea de valor. Entre os puntos a debate estivo a viabilidade da PAC actual como mecanismo de garantía da rendibilidade das explotacións.

Leave A Comment