Unha delegación española, con representación de ASAJA, participou este martes na manifestación convocada por Copa e Cogeca en Bruxelas, na que organizacións agrarias de 20 países da UE entregaron un manifesto conxunto baixo o lema #EUHouseOfCards para reclamar un orzamento forte, propio e blindado para a Política Agrícola Común (PAC) no próximo Marco Financeiro Plurianual.
O acto de mobilización desenvolveuse baixo os seguintes principios: “Sen orzamento -> non hai PAC, sen PAC -> non hai agricultores, sen agricultores -> non hai seguridade”. Esta foi a mensaxe que levaron ao corazón das institucións europeas, denunciando que unha PAC diluída nun fondo único, renacionalizada ou presentada sen diálogo nin recursos suficientes poría en perigo o futuro do campo europeo e a seguridade alimentaria do continente.
Desde o COPA advertiuse do risco real de que a política agrícola europea poida “derrubarse como un castelo de naipes” se non se garante un orzamento claro e axustado á inflación.
A manifestación tivo lugar fronte á rotonda Schuman, epicentro político da UE, onde representantes das organizacións agrícolas entregaron o manifesto a responsables europeos. A acción contou con presenza de medios, simbolismo visual —un castelo de naipes como metáfora da fraxilidade do sistema sen unha PAC sólida— e unha ampla repercusión nas redes sociais baixo o hashtag #EUHouseOfCards.
Desde ASAGA apóiase a mensaxe de ASAJA, que subliña que non se pode falar de autonomía estratéxica nin de transición verde sen un campo forte, e non hai campo forte sen unha PAC ben financiada. A PAC non é un gasto, é un investimento en estabilidade, alimentos seguros e cohesión territorial.
Encontro en España
Previamente, este luns o presidente de ASAJA, Pedro Barato, o secretario xeral de COAG, Miguel Padilla, e o secretario xeral de UPA, Cristóbal Cano, mantiveron unha reunión co director da Representación da Comisión Europea en España, Lucas González Ojeda, para trasladarlle persoalmente as preocupacións do sector agrario europeo ante os recortes orzamentarios que ameazan o futuro da Política Agrícola Común (PAC).
Durante o encontro, celebrado na sede da Comisión en Madrid, os representantes de ambas organizacións fixeron entrega formal do manifesto “O castelo de naipes da UE”.
Neste contexto, as organizacións agrarias lembran que enviaron unha carta ao presidente do Goberno solicitando un compromiso claro coa defensa dun Marco Financeiro Plurianual potente, que asegure os fondos da PAC de cara á próxima reforma, mantendo o fondo específico actual e defendendo o status quo. Ata a data, non se recibiu contestación algunha por parte do presidente do Goberno.
O manifesto denuncia o perigo de diluír a PAC nun fondo único europeo que elimine a especificidade da política agrícola, substitúe os piares actuais por unha programación nacional única e abre a porta a unha renacionalización encuberta, debilitando así o mercado único e xerando profundas desigualdades entre Estados membro.
Barato, Padilla e Cano insistiron en que “a PAC é unha cuestión estratéxica para a seguridade alimentaria, a estabilidade económica e a cohesión territorial de Europa”. Por isto, reclamaron un compromiso firme para manter unha liña orzamentaria clara, específica e axustada á inflación dentro do próximo Marco Financeiro Plurianual (MFP).
Os dirixentes salientaron que a PAC non pode converterse nunha moeda de cambio nin nun elemento residual nos novos debates orzamentarios. “Sen unha política agrícola común e robusta, a UE corre o risco de romper os equilibrios que sostiveron ata o de agora a seguridade alimentaria, a sustentabilidade e o mundo rural en Europa.”
Con esta reunión e a entrega do manifesto, ASAJA, COAG e UPA reafirman o seu compromiso cunha defensa decidida do modelo agrario europeo, en coordinación cos esforzos do Copa-Cogeca. Chaman ás institucións comunitarias a actuar con responsabilidade e visión de futuro.

Encontro entre o presidente de ASAJA, Pedro Barato, o secretario xeral de COAG, Miguel Padilla, e o secretario xeral de UPA, Cristóbal Cano, co director da Representación da Comisión Europea en España, Lucas González Ojeda
- Galego
- Español

