A Asociación Agraria de Galicia personouse este martes como demandada no procedemento aberto polo Tribunal Superior de Xustiza de Galicia para paralizar a caza do lobo. O TSXG acordaba o pasado mércores 11 poñer en pausa a resolución da Xunta de Galicia que determinaba o réxime de control do lobo na tempada 2024-2025, en liña coas medidas aprobadas nos últimos meses no Congreso dos Deputados e na Comisión Europea.

Con este movemento, ASAGA manifesta a súa disconformidade coa decisión do TSXG pola vía legal, personándose como demandada ante a Sección número 2 da Sala do Contencioso-Administrativo.

O TSXG accedía coa súa decisión á medida cautelar solicitada por WWF-ADENA, quen presentara un recurso contencioso-administrativo contra a resolución do Goberno galego, ao aplicar o principio de precaución ambiental. Deste modo, entende que a posta en práctica desta resolución —que establecía as épocas hábiles de caza, as medidas de control e os rexímenes especiais por especies— podería afectar á viabilidade das poboacións do depredador. A decisión está limitada ao réxime de xestión do lobo na tempada 2024-2025.

A decisión contrasta coa tomada no Principado de Asturias apenas unhas semanas antes, cando o Tribunal Superior de Justicia da comunidade denegaba suspender de forma cautelar o programa de control do lobo da Consejería de Medio Rural, como reclamaba a Asociación para la conservación y estudio del lobo ibérico. Entón, o Tribunal do Principado recoñecía o interese público na conservación do lobo, pero tamén a protección do seu sector gandeiro, e enmarcaba o programa en accións similares no contexto europeo.

Leave A Comment