A definición da próxima Política Agraria Común está a se converter nun dos puntos quentes da lexislatura na Unión Europea. É momento de consultas e debate para evitar unha PAC que non dea a cobertura precisa a un sector xa con dificultades. Neste sentido, desde ASAGA apóiase e colabórase cos movementos que se están a desenvolver desde a Asociación Agraria de Jóvenes Agricultores ASAJA para trasladar as necesidades e os puntos que deben quedar cubertos no novo período.

Desde modo, o pasado mes de xuño o presidente de ASAJA, Pedro Barato, mantivo unha serie de xuntanzas en Bruxelas para trasladar a preocupación do sector pola futura PAC. En concreto, Barato reuniuse o día 27 co Comisario Europeo de Agricultura e Alimentación, Christophe Hansen, un encontro no que aproveitou para trasladarlle as reivindicacións do sector.

Entre outros asuntos, Barato defendeu a necesidade de que a futura PAC manteña unha forma sólida, cun orzamento propio e axustado á inflación. Para isto, destacou, é preciso manter a estrutura de dobre base, sustentada nos fondos FEAGA —de garantía agraria— e FEADER —de desenvolvemento rural—, así como simplificar a burocracia e manter un réxime flexible. Desde ASAJA solicitouse o aprazamento da presentación da nova PAC ata canda menos setembro, de cara a implicar ao novo Parlamento, e exhortouse a tramitar o paquete de simplificación pola vía rápida e sen emendas.

Outro dos temas tratados na reunión foi a potencial entrada na UE de Ucraína. Desde ASAJA lembrouse o potencial impacto que podería ter este movemento a nivel orzamentario e de competencia para o campo español, e avogou pola necesidade de reformar o Marco Financeiro Plurianual e incorporar cláusulas de salvagarda. Asemade, reiterouse o rexeitamento aos aranceis aos fertilizantes de Rusia e Bielorrusia, en vigor a partir do 1 de xullo e que poden implicar un encarecemento importante para as explotacións agrarias.

Paralelamente, efectuouse unha reunión coa xefa de unidade na Dirección Xeral de Agricultura da Comisión Europea, Cristina Rueda-Catry. Este encontro serviu para definir aspectos máis técnicos da posta en marcha da PAC, así como para avogar por unha simplificación burocrática que achegue as normas ás e aos profesionais que traballan no campo.

Ademais destes encontros, a delegación de ASAJA en Bruxelas mantivo outras reunións con representantes de distintos grupos políticos do Parlamento Europeo, como Mireia Borrás (VOX), Carmen Crespo (PP), e Cristina Maestre (PSOE). Nelas trasladouse ás europarlamentarias as reivindicacións do sector agrogandeiro español, dentro do contexto de redacción da futura PAC, na mesma liña de aposta por un plan forte, con orzamento propio e estruturado.

Leave A Comment