A Asociación Agraria de Galicia reuniuse esta mañá na Xunta de Galicia co presidente, Alfonso Rueda, a conselleira de Medio Rural, María José Goméz e co representante de Unións Agrarias para acordar unha declaración conxunta de respaldo a unha aplicación práctica reforzada do acordo entre a Unión Europea e Mercosur e sobre as cláusulas de salvagarda. Na reunión definiuse un paquete de esixencias e garantías mínimas, co fin de que a súa posible entrada en vigor se traduza nunha protección real e efectiva do sector agrogandeiro galego.

O presidente de ASAGA, Francisco Bello, resaltou á saída do encontro que con este documento, “Galicia sitúase por diante doutras comunidades”. “Máis aló de se o acordo UE-Mercosur é bo ou malo, debemos iniciar unha conversa sobre como aplicalo”.

O texto remite ao recente acordo de libre comercio asinado entre a Unión Europea e os países que integran o Mercosur, que está a suscitar reticencias entre os profesionais do sector agroalimentario. O acordo, negociado durante máis de 25 anos, foi asinado o pasado mes de xaneiro, pero está pendente de que a UE decida se o aplica provisionalmente, ao estar pendente de que se pronuncie o Tribunal de Xustiza da UE sobre a súa legalidade. En tanto se toma esta decisión, esta semana o pleno do Parlamento Europeo sacou adiante un paquete de cláusulas de salvagarda, destinadas a protexer ao sector primario europeo fronte á entrada de produtos dos países do Mercosur.

“Valoramos esta declaración conxunta e de gran relevancia para os produtores galegos, dado que os asinantes nos anticipamos en propoñer tanto a UE como ao Goberno Central e á propia Xunta de Galicia unha batería de demandas, recursos e ferramentas con esixencia de garantías claras de cumprimento que minimicen calquera futuro impacto do acordo”, resumiu Bello.

Acordo

Desde ASAGA enténdese que a preocupación e rexeitamento que este acordo está a suscitar “non se debe tanto aos continxentes que se importarán, se non a como se van a aplicar na práctica as cláusulas de salvagarda”, segundo explica Bello. Neste sentido, a organización lembra as limitacións á importación nos produtos considerados sensibles no marco do acordo e de relevancia no sector en Galicia, como a carne de vacún, a de ave ou a de porco, no que as toneladas incluídas a arancel reducido oscilan entre o 1,5% e o 0,1% da produción total anual da Unión Europea.

Segundo o texto aprobado hoxe na reunión entre ASAGA, a Xunta e UUAA, o acordo UE-Mercosur precisa dunha reflexión profunda e un debate rigoroso, no que ter en conta tanto a posición europea como a do contexto galego en particular. O documento destaca o feito de que a gandaría europea depende de forma significativa de insumos importados, en particular de proteínas vexetais.

Como lembra o presidente de ASAGA, “este é un factor que impacta directamente na resiliencia das explotacións, de tal modo que pode facelas máis sensibles á volatilidade dos custes e ter efecto directo no equilibrio territorial do modelo produtivo europeo. Trátase dun factor especialmente acusado en Galicia onde a alimentación de aves e porcino ten unha elevada dependencia das importacións”. En concreto, apúntase, no caso de gandería de aves e porcino, depéndese ao 91% de importacións; no vacún de leite, nun 41%, e no vacún de carne, no 26%.

“Isto leva parello un cambio de visión do acordo UE-Mercosur, que debe ser contemplado non só como vía de importación de produtos finais, senón de insumos que garantan o abastecemento para as explotacións propias. Debe funcionar, ademais, como ferramenta de estabilidade de prezos e de seguridade alimentaria, pero para isto é esencial que se inclúan mecanismos estritos e áxiles de control e de salvagarda”, sinalou Bello.

Demandas

As esixencias acordadas hoxe polas organizacións e a Xunta destínanse tanto á UE como ao Goberno central. Demándaselle ao organismo comunitario un cumprimento estrito das salvagardas acordadas e que inicie unha investigación urxente se se detectan incumprimentos. Ademais, nos produtos sensibles, requírese un compromiso de activación de medidas cautelares de 21 días, que resolva en catro meses os posibles problemas, cun cronograma claro e oficial de fitos que contemple outras particularidades. Solicítase que a aplicación práctica do acordo recoñeza que o dano poida ser limitado a unha zona xeográfica en concreto, como por exemplo Galicia, sen necesidade de agardar a unha problemática xeral a nivel europeo. Ademais, avánzase a necesidade dun plan reforzado e verificable de controis en fronteira e auditorías en orixe, con consecuencias reais se se detectan incumprimentos.

No texto tamén se sinala a necesidade de incrementar o fondo de continxencia para crise e a financiación na nova PAC, para paliar os posibles efectos sobre o sector primario europeo.

Francisco Bello incidiu, ademais, na demanda realizada tanto á UE como ao Goberno central de incorporar máis indicativos de calidade galegos dentro das DOP e IXP protexidas no acordo. “Actualmente só se contemplan dúas, a DO Ribeiro e a de Rías Baixas, malia que Galicia é a terceira comunidade de España con máis indicativos de calidade”, lembrou.

Dentro das esixencias ao Goberno central, pídese que defenda o paquete de garantías presentado por Galicia ante as instancias comunitarias. Na liña do pedido á UE, demándase axilidade na xestión das sospeitas de posibles incumprimentos, cunha interlocución técnica estable coa Representación Permanente de España ante a UE (REPER) para dar un retorno periódico a comunidades autónomas e sector. A maiores, solicítase a creación dunha unidade de seguimento especializada no acordo, que garanta o seguimento das importacións, prezos e canais e estableza un sistema de alerta temperá.

Outra das demandas ao Goberno é o establecemento dun plan de controis de fronteira específico para asegurar o cumprimento de requisitos dos produtos importados de terceiros países, cun reforzo dos controis sanitarios, fitosanitarios e de trazabilidade en fronteira.

Compromisos

O texto tamén recolle os compromisos que asumen tanto Asaga como a Xunta de Galicia e UUAA, como son o reforzo da estratexia de promoción interna e identificación dos produtos galegos, de cadea de distribución curta e de proximidade; a posta en marcha do Observatorio de Prezos de Galicia; o establecemento dun procedemento de escalado rápido para elevar alertas e solicitudes ao Goberno central; o desenvolvemento dun plan específico que complemente aos controis europeos e nacionais e dunha estratexia de impulso a exportacións de produtos galegos; e a potenciación da autonomía alimentaria e base territorial.

Este acordo trasladarase en próximas datas á Comisión Europea e ao Parlamento comunitario, ao Goberno de España —en particular ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación— e á Representación Permanente de España ante a UE.

Leave A Comment