Este ámbito de actividade atravesa unha situación de vulnerabilidadade derivada do aumento de prezos nos combustibles e fertilizantes, debido á situación de inestabilidade xeopolítica
En Galicia, a este escenario hai que engadir os contratos abusivos das industrias lácteas, “que están a abafar ao sector”
A Asociación Agraria de Galicia (ASAGA), presidida por Francisco Bello, manifestou a súa preocupación pola situación de vulnerabilidade que atravesa o sector primario autonómico, derivada do aumento dos prezos dos combustibles e fertilizantes debido á inestabilidade xeopolítica internacional. “Ao grave problema dos custos de produción, en Galicia —en concreto— hai que engadir o abuso das industrias lácteas ao ofertar contratos a catro meses con descensos de prezos moi significativos respecto aos anteriores, sen ningunha xustificación de mercado e que están a asfixiar o sector”, indicou Bello.
ASAGA súmase á Asociación Agraria de Jóvenes Agricultores (ASAJA) nas súas reivindicacións ao Goberno de España, solicitando axuda e apoio urxente para garantir o abastecemento de gasóleo agrícola e fertilizantes, así como a posta en marcha dun paquete extraordinario de axudas directas ao sector agrogandeiro.
Neste sentido, nunha carta remitida ao ministro de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), Luis Planas, o presidente de ASAJA, Pedro Barato, sinalou que “o custo dos fertilizantes xa representa arredor do 35 % dos custos de produción, e a suba do gasóleo agrícola na última semana acadou entre 0,96 €/l e 1,4 €/l nalgúns casos”. Na misiva detallouse tamén a necesidade de reforzar as devolucións do imposto sobre hidrocarburos e de aplicar bonificacións fiscais aos membros do sector para compensar o encarecemento dos insumos esenciais.
Logo de reunirse co titular do MAPA, Pedro Barato indicou que se lle informou que desde o Goberno central se están a planificar axudas que se aprobarán nun vindeiro Consello de Ministros, se ben “non coñecemos en que consistirán”. Desde ASAJA e ASAGA solicítase que estas medidas garantan o abastecemento de gasóleo e fertilizantes, tendo en conta os consumos reais, “para evitar que se repitan erros do pasado”.
Documento formal
ASAJA remitirá un documento formal ao Ministerio coas súas propostas para o sector, que inclúen deducións do 35 % sobre o gasóleo e do 20 % sobre os fertilizantes, así como medidas fiscais sobre o IVA e a renda dos agricultores. Ambas as organizacións coinciden na necesidade de que o Goberno de España actúe con celeridade para mitigar os impactos económicos no sector agrogandeiro e asegurar a sustentabilidade das explotacións españolas e galegas nun contexto marcado pola volatilidade dos mercados internacionais.
- Galego
- Español
