En relación á recente polémica xurdida en torno ao debate sobre os rendementos da produción de uva na D.O. Rías Baixas, a Asociación Agraria de Galicia reclama sensatez ante declaracións e actos que consideran desleais para o sector.

Ante a importancia de medidas desta índole, desde ASAGA entendemos que antes de entrar en vigor deben contar cun consenso case total no sector. O pleno do Consello Regulador, formado por adegas, cooperativas e viticultores, debería aprobar unha norma destas características por unanimidade. Como actualmente non existe esa unidade de criterios, cremos que non se deben debater estas propostas.

A D.O. Rías Baixas demostrou unha notable resiliencia, mantendo a comercialización dos seus viños nun contexto difícil para moitas denominacións, así como un nivel de valor que outras zonas quixeran alcanzar. Este posicionamento é froito do esforzo conxunto de viticultores, adegas e cooperativas, independentemente do seu tamaño.

A Asociación Agraria de Galicia débese aos viticultores, polo que sempre buscará o mellor para os seus intereses profesionais. Os nosos representantes no pleno do Consello Regulador, apoiados nos nosos técnicos, continuaron a traballar diariamente para favorecer un desenvolvemento sostible da D.O., que permita aos produtores encarar o futuro con optimismo.

 

Leave A Comment