Ante o aumento dos danos provocados polo xabaril nos cultivos das explotacións agrícolas sitas na comarca do Deza, técnicos e responsables da Asociación Agraria de Galicia mantiveron contactos con agricultores, gandeiros, cazadores e responsables das directivas dos Tecores das zonas afectadas. Para trasladar á administración os resultados destas conversas, o presidente da asociación, Francisco Bello, reunirase o vindeiro luns, 1 de xullo, coa directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo.

Os agricultores e gandeiros ven con moita preocupación os numerosos danos que se están a producir nas súas terras, e reclaman que se tomen medidas, “ainda que sexan drásticas”, para evitar na medida do posible as perdas. Uns danos que, por agora, só se están producindo en prados e prantacións novas, pero que, segundo indican os cazadores, en breve comezará a afectar tamén aos cultivos de millo: “xusto antes da época da recollida do millo, e cando as femias de xabaril coas súas crías causan importantes danos nas prantacións de millo”.

Os cazadores en xeral comparten este temor e confirman os danos, pero expresan que sempre estiveron moi limitados e presionados no desenrolo da súa actividade. Principalmente, debido ao acoso constante dos ecoloxistas, ao respeto que deben gardar sobre as zonas de seguridade -que normalmente serven de refuxio ao xabaril-, a imposibilidade de bater nos vedados e zonas queimadas con vexetación, os excesivos trámites e obrigas burocráticas, ou a presión das autoridades.

Esta organización xa leva meses denunciando este problema e solicitándolle á administración que tome medidas

Avisando dende outubro
A Asociación Agraria de Galicia xa alertou hai tempo deste perigo. En concreto, dende o 17 de outubro. Na reunión que mantivo o seu presidente, Francisco Bello, coa recén nomeada conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, xa lle alertou da problemática do xabaril. Francisco Bello pediulle que cambiase algúns artigos do regulamento de caza que permitisen reducir os danos ocasionados por este animal. Entre outras iniciativas, suxeriu que “se reducise o número mínimo de

cazadores necesarios para que se poda realizar unha batida de xabaril de 10 a 5, e que se permitise cazalos en vedados e en montes queimados, para evitar que esas áreas actúen como refuxios dos que é imposible sacalos”.

Precisamente, un dos principais problemas no que coinciden agricultores e cazadores é na innecesaria prohibición de cazar xabarís nos vedados de caza, nas zonas de adestramento e nas zonas queimadas. Lugares que se rematan convertindo en seguros refuxios para estes animais.

Na procura de buscar solucións, e non enfrentamentos entre os agricultores e os cazadores coa administración, debemos seguir entre todos a aportar alternativas que minimicen os danos en explotacións. Tamén Sería bo que as consellerías de Medio Ambiente e do Medio Rural estudien conxuntamente que tipo de axudas se deben conceder aos afectados polos danos do xabaril.

Comments are closed.