A Consellería do Medio Rural desenvolverá un Plan de recuperación dos soutos tradicionais de Galicia para poñer en valor a produción de castaña na nosa comunidade. Farao en diferentes fases, que preverán dende a identificación e a caracterización dos soutos ata a implantación dun modelo de aproveitamento da castaña, de forma que a súa transformación se faga nas propias zonas produtoras, mantendo sempre a propiedade dos terreos nos habitantes das aldeas e procurando fórmulas de tipo cooperativo ou asociativo para a súa xestión conxunta. Esta iniciativa impulsará, ademais, a especialización do turismo arredor da actividade económica de explotación da castaña.

Así o anunciou recentemente o conselleiro do Medio Rural, José González, nunha visita a Folgoso do Courel, que será o concello piloto para a posta en marcha desta iniciativa. De feito, tal e como destacou o titular de Medio Rural, este municipio da montaña luguesa estase a beneficiar dunha actuación de recuperación e posta en valor dos seus soutos tradicionais, na que a Xunta investiu máis de medio millón de euros.

O conselleiro puido comprobar o avance dos traballos e explicou que xa están rematadas as dúas primeiras fases do plan, que consistían na diagnose, na elaboración dos traballos topográficos e na redacción dos proxectos de obra e, en segundo lugar, na execución das obras principais que incluían a roza das parcelas e a execución dos camiños de acceso e interiores.

Segundo explicou o conselleiro, a terceira das fases, que xa comezou, consiste na posta en cultivo dos castiñeiros. Inclúense aquí a poda sanitaria e loita biolóxica, a mellora dos camiños de acceso e a roza dos soutos.

A iniciativa pretende tamén impulsar o turismo en torno á explotación da castaña

Modelo de actuación
Estas intervencións servirán de modelo para actuar nos soutos repartidos por toda Galicia que, abranguen entre 25.000 e 30.000 hectáreas, das cales case 2.700 se sitúan en Folgoso do Courel, con arredor de 45 soutos.

Deste xeito, remarcou o conselleiro, “queremos que o rural sexa o motor do crecemento da Galicia que vén”, cunha aposta polo rural competitivo, promocionando a súa actividade económica e facendo da cadea produtiva un éxito para todos os seus compoñentes. Trátase, dixo José González, de procurar un rural “forte”, “con futuro” e no que “non só se poida seguir vivindo, senón que ademais se desexe vivir”.

Ademais, o titular do Medio Rural aproveitou a presenza de produtores de castaña no concello de Folgoso para anunciar que este mesmo mes se reunirá por primeira vez dende a súa constitución a Mesa da Castaña. Trátase do órgano asesor de carácter consultivo que se creou para favorecer a produción deste froito e defender o sector e que está integrado polos principais axentes sociais relacionados coa castaña.

O plan recuperará 30.000 hectáreas de soutos para a produción de castaña

Comments are closed.