No transcurso da reunión que mantivo onte en San Lázaro coa directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, o presidente da Asociación Agraria de Galicia, Francisco Bello, trasladoulle a súa satisfacción porque na Consellería de Medio Ambiente tiveran en conta algunas das peticións que lle fixera en outubro á conselleira do ramo, Ánxeles Vázquez. Entre as demandas da Asociación Agraria de Galicia que foron atendidas na nova Orde de Vedas do 31 de maio, podemos destacar que reduciuse de 10 a 8 o número mínimo de cazadores que ten que haber nunha batida de xabarís, así como que cando haxa batidas por danos se permita entrar a cazar nas zonas queimadas e nos vedados, se hai un informe a favor dos técnicos de Medio Ambiente.
O presidente da Asociación Agraria de Galicia quixo destacar que valora “positivamente o traballo que esta facendo o equipo da consellería dirixido por Ánxeles Vazquez e Belén do Campo, pero quedan moitas cousas por facer. Ainda que hai avances, seguenos preocupando que non se esté resolvendo o problema en raíz. E ese é que a poboación de xabarís segue crecendo no rural galego. Un aumento que se ve nos danos que xa se están producindo, pero que aínda lamentaremos máis cando chegue a época da colleita do millo”.
Francisco Bello valora positivamente que a Xunta atendese algunhas das súas peticións, pero cre que “aínda queda moito traballo por facer”
Acción conxunta
Francisco Bello incidiulle á directora xeral na necesidade de planificar unha acción conxunta de tódolos axentes implicados: Medio Ambiente, Medio Rural, Tecores, produtores agrarios e gandeiros; que permita tomar tódalas medidas necesarias para conseguir reducir o número de xabarís existentes, e controlar a súa poboación no campo galego. Bello tamén lle pediu a Belén do Campo que “as axudas deberían cubrir tódolos danos que ocasionen estes animais. Tanto os producidos directamente, como as perdas de produción que vaian ter os agricultores a medio prazo”.
Outro problema do que se falou na reunión mantida onte en Santiago foi o relacionado coa limpeza das parcelas que posúen outros organismos no rural galego, como son os concellos ou ADIF. Hai algúns casos nos que estes terreos son auténticas selvas onde se protexen os animais. Dende a Asociación Agraria de Galicia pídenlle a tódalas administracións implicadas que teñan limpas as súas fincas rústicas.
Comments are closed.