• galego
  • Español

ASAGA denuncia que as industrias compradoras de leite ofrecen inxustificadas baixadas do prezo na renovación dos contratos cos gandeiros

Insta ás empresas a que retiren as ofertas e ás administracións a que convoquen as partes para analizar a situación

A Asociación Agraria de Galicia – ASAGA vén de constatar estes días unha práctica pouco ortodoxa por parte das industrias compradoras de leite ao propor a renovación dos contratos cos gandeiros con dous meses de antelación que obriga a lexislación. ASAGA denuncia que as industrias pretenden rebaixar inxustificadamente o prezo do leite a percibir polos gandeiros desde a sinatura dos novos acordos.

Para ASAGA non existe ningunha razón obxectiva para unha baixada do prezo do leite, tal e como pretenden as industrias lácteas. Rebaixas entre 4 e 6 céntimos menos con respecto aos contratos anteriores, o que a xuízo de ASAGA, “son un esperpento e un abuso de posición dominante”.

Dende ASAGA ínstase ás industrias compradoras a retirar as mencionadas ofertas presentadas e ás administracións a que convoquen as partes para analizar a situación e intervir para evitar que se produzan estas rebaixas totalmente inxustificadas.

Hai que sinalar que os prezos dos produtos lácteos ao consumidor estanse a manter nas cadeas de distribución sen graves alteracións e os prezos nos mercados mundiais dos produtos lácteos incluso están a subir. Polo tanto, non existen razóns obxectivas para ningunha rebaixa nos prezos que perciben os produtores de leite.

Os gandeiros galegos xa veñen percibindo dende fai anos prezos do leite por debaixo da media estatal, a pesar de que Galicia é a Comunidade co maior número de produtores e de produción.