Na reunión mantida hoxe coa conselleira de Medio Rural, trasladoulle os asuntos que máis preocupan ao sector coma a devolución do IVA por parte de Facenda
O presidente da Asociación Agraria de Galicia – ASAGA, Francisco Bello, mantivo recentemente unha reunión coa nova conselleira de Medio Rural, María José Gómez, a quen lle trasladou a súa vontade de manter un diálogo fluído co novo equipo deste departamento do Goberno galego en aras de mellorar a situación do sector agrogandeiro de Galicia.
Nunha xuntanza celebrada na sede da Consellería de Medio Rural, o presidente de ASAGA e a conselleira de Medio Rural fixeron un repaso polos principais retos que afectan na actualidade ao campo galego, que van desde as accións derivadas do Política Agraria Común (PAC), os Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR), a situación dos sectores produtores de leite e carne, así como os montes de Galicia.
Francisco Bello tamén lle trasladou á conselleira de Medio Rural o balance das últimas mobilizacións do sector a nivel nacional dando conta ademais dos motivos polos que ASAGA non asinou o documento do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación ao considerar que “non implicaba ningún avance real na política agraria a aplicar na cornixa cantábrica”.
O presidente de ASAGA tamén lle quixo trasladar a necesidade de que Consellería interfira ante o Ministerio de Facenda para axilizar a devolución do IVA a gandeiros, xa que “nalgúns casos son cantidades importantes e están causando graves prexuízos nas rendas familiares”.
Francisco Bello valorou a cordialidade da reunión e a receptividade da conselleira de Medio Rural amosada en todos os asuntos tratados e agarda agora poder seguir afondando en cada un deles nas distintas reunións sectoriais que se produzan no futuro inmediato.
Comments are closed.