ASAGA propón a adopción de plans de control efectivos, axilización de trámites, incremento de indemnizacións e medidas preventivas
O presidente da Asociación Agraria de Galicia – ASAGA, Francisco Bello, mantivo recentemente unha reunión coa directora xeral de Patrimonio Natural, Maria Sol Díaz, da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, con quen abordou as consecuencias nefastas para os gandeiros dos danos provocados pola fauna salvaxe nos cultivos agrícolas de millo e forraxes e nas viñas. Francisco Bello trasladoulle que os produtores non poden soportar máis os danos producidos, concretamente, polos lobos, os voitres, os corzos e xabarís.
O presidente de ASAGA avogou por que pronto se poida volver á situación anterior de inclusión do lobo no LESPRE de modo que permita que as Comunidades Autónomas poñan en marcha plans de control efectivos e que en caso de ataques, “se axilicen os tramites e se incrementen significativamente as indemnizacións e as axudas para medidas preventivas”.
Francisco Bello tamén puxo de manifesto a necesidade dunha campaña de información e axudas aos propietarios de terreos nas marxes fluviais para que poidan realizar accións de desbroce, aclareos de árbores e limpezas e se manteñan en boas condicións ambientais os ríos e regatos da Comunidade.
Pola súa banda, a directora xeral de Protección da Natureza comprometeuse a estudar todas estas cuestións e procurar dar unha responsa a maior brevidade posible.
Comments are closed.