A nova conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ánxeles Vázquez, reuniuse onte co presidente da Asociación Agraria de Galicia, Francisco Bello, co que abordou algúns dos problemas e demandas que máis preocupan ao sector agropecuario.

Entre os asuntos tratados estivo a problemática do xabaril e os danos causados polos ataques deste animal a explotacións agrogandeiras. Neste senso, a conselleira asumiu as peticións de ASAGA e comprometeuse a prestar unha atención especial a este problema e impulsar medidas e solucións de forma consensuada co sector a través do grupo de traballo multidisciplinar creado para a xestión do porco bravo, no que participan tamén as organizacións agrarias. A maiores, Francisco Bello pediulle tamén que cambiase algúns artigos do regulamento de caza que permitisen reducir os danos ocasionados por este animal. Entre outras iniciativas, suxeriu que se reducise o número mínimo de cazadores necesarios para que se poda realizar unha batida de xabaril de 10 a 5, e que se permitise cazalos en vedados e en montes queimados, para evitar que esas áreas actúen como refuxios dos que é imposible sacalos.

O presidente da Asociación Agraria de Galicia tamén aproveitou a reunión para transmitirlle algunhas das maiores preocupacións dos habitantes do medio rural, coma os reiterados ataques do lobo, sobre todo na provincia de Lugo. Ante esta situación, Francisco Bello cree que “é necesario establecer medidas de control, é ofrecer as subvencións máis axeitadas para os afectados”.

[heading]Primeira toma de contacto[/heading]

Durante o encontro, que lle serviu á conselleira como primeira toma de contacto co sector tras asumir as súas novas responsabilidades dentro do Goberno galego,  Ánxeles Vázquez incidiu na necesidade de compatibilizar a conservación da natureza e a preservación do medio ambiente cos intereses do sector primario. Un obxectivo para o que solicitou a colaboración das organizacións agrarias galegas. Antes esta petición, o representante de ASAGA expresoulle a total vontade da organización que dirixe para participar e colaborar en tódolos comités que convoque a conselleria, para axudar a institución a mellorar a efectividade das accións que promova.

Comments are closed.