A exclusión do lobo do Listado de Especies Silvestres en Réxime de Protección Especial, o LESPRE, afronta o seu último trámite parlamentario. Este xoves desenvolverase no Congreso dos Deputados a votación definitiva para rebaixar a protección deste depredador, á que asistirá o presidente da Asociación Agraria de Galicia – ASAGA, Francisco Bello, firme defensor deste cambio normativo.
A aprobación da rebaixa do estatus do lobo chega ao Congreso na forma dunha disposición final na Lei de prevención das perdas e o desperdicio alimentario. A emenda foi presentada no Senado polo Partido Popular e sacouse adiante o pasado 12 de marzo cos votos a favor do grupo popular, o Partido Nacionalista Vasco, Junts per Catalunya VOX e UPN.
Previamente, o 27 de febreiro, o presidente de ASAGA reuniuse no Congreso con representantes dos grupos parlamentarios do PP, PNV, VOX e JUNTS co obxectivo de acadar os apoios para a exclusión do lobo do LESPRE. Nos encontros participaron, ademais, representantes de ASAJA de Asturias, Cantabria e Castela e León.
De saír adiante, conseguirase volver á situación previa á inclusión do lobo no LESPRE. Esta medida formalizouse en setembro de 2021 baixo o mandato da por entón ministra para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera. Desde entón, ASAGA denunciou de forma continuada que esta decisión condenou aos gandeiros á indefensión total fronte ao lobo. Unha denuncia que levou a Asociación a participar en diversos foros, tamén a nivel europeo, para reclamar o cambio da protección, coma o celebrado recentemente en Bruxelas.