O campo español resistiu con entereza o gran apagón eléctrico, pero non sen cicatrices. Mentres que a agricultura non rexistrou incidencias significativas grazas ao carácter menos dependente da electricidade de moitas explotacións, as granxas de leite e as máis tecnificadas, así como os servizos administrativos, sufriron as consecuencias de forma máis aguda.

Agricultura: resiliencia natural ante a incerteza enerxética

En xeral, o apagón non supuxo un golpe crítico de forma directa para as explotacións agrícolas. Os cultivos soportaron o parón sen grandes perxuízos, aínda que en zonas como Valencia notificáronse problemas en sistemas de rego, ventilación dos viveiros e refrixeración de froitas e verduras, xusto nun momento clave do calendario agrícola. Os atrasos no rego, como tamén ocorreu en Zaragoza e León, poderían afectar os cultivos sensibles se se prolonga a situación.

Gandería: o talón de Aquiles nas explotacións de leite e máis mecanizadas

O impacto máis severo concentrouse na gandería intensiva, que depende máis dos sistemas eléctricos para muxidura, ventilación, abastecemento de auga,  penso e refrixeración do leite. En Galicia, témese polas perdas de leite non refrixerada e posibles danos en robots de muxido, sector no que se rexistraron situacións dramáticas ante a imposibilidade de facer a muxidura.

En León, aínda que gran parte da provincia recuperou o suministro a tempo para as rutinas habituais, en comarcas do oeste a falta de electricidade extendeuse ata as 7:00 do día seguinte, o que xerou unha situación crítica en granxas sen xeradores. A única alternativa foi recorrer a equipos de emerxencia —non sempre dispoñibles— para evitar aperda total da produción.

Tamén se rexistraron situacións singulares como tractores con sistemas de guiado automático inoperativos ou cámaras de frío paralizadas como nalgunhas explotacións de espárragos verdes en Guadalaxara.

Servizos agrarios: xestión paralizada en pleno pico de tramitacións

Un dos efectos colaterais máis preocupantes foi a paralización da actividade administrativa. Oficinas agrarias de ASAJA e ASAGA sen conexión a internet ou teléfono deixaron en suspenso trámites clave como a PAC e a contratación de seguros agrarios. A situación xerou inquietude en rexións como Castela-A Mancha, onde esta semana remataban prazos de axudas importantes como a FOCAL, mentres que en Estremadura e Toledo, moitos gandeiros non puideron mover animais debido á imposibilidade de emitir guías.

Neste contexto, desde ASAJA e ASAGA reclámase unha ampliación dos prazos oficiais para evitar que os produtores sexan penalizados por razóns alleas á súa vontade.

Á espera de cuantificar dano

Aínda que polo de agora non se realizaron estimacións económicas precisas, desde ASAGA e ASAJA xa se traballa en recabar información para valorar o alcance do apagón. Perdas de produción, alimentos rexeitados, aluguer de xeradores de urxencia ou interrupcións loxísticas son algúns dos factores que poderían engrosar a factura final.

Leave A Comment