As seis organizacións agropecuarias máis importantes da cornisa cantábrica e do centro-norte penínsular, a Asociación Agraria de Galicia, ASAJA Asturias, ASAJA Cantabria, Euskal Nekazarien Batasuna, a Unión de Agricultores y Ganaderos de Navarra, e ASAJA Castilla y León; uníronse para defender os intereses dos gandeiros.

As organizacións asinantes califican coma un verdadeiro despropósito a decisión adoptada por varias comunidades autónomas na comisión de patrimonio natural. Casual pero incomprensiblemente, foron as rexións menos afectadas as que, xunto co propio Ministerio, inclinaron a balanza cara unha maior protección do lobo. Agora ben, dado que esta votación non é vinculante para a decisión final a adoptar por parte do Ministerio para a Transición Ecolóxica, estas seis organizacións esiximos ao Goberno español e ao partido principal do Goberno, o PSOE, que non materialice esa fatídica decisión.

A Asociación Agraria de Galicia e o resto das organizacíons asinantes, todas elas integradas en ASAJA, somos os representantes dos gandeiros da cornisa cantábrica e do centro-norte peninsular, que son os grandes afectados pola acción do lobo

[heading]Ataque á España baleira[/heading]

Non se pode falar de apoio aos gandeiros e dun apoio á España despoboada impulsando medidas coma ésta, que son un verdadeiro canonazo contra a liña de flotación da gandaría extensiva, tanto ovina coma bovina, e contra as políticas para evitar o despoboamento. Asemade, as organizacións asinantes consideran que esta decisión supón un duro ataque aos produtos lácteos (principalmente queixos con D.O.) e cárnicos elaborados por este tipo de gandaría.

Tal e como recollen diversos informes, entre eles o redactado polo biólogo Mario Sáenz de Buruaga, a evolución da poboación do lobo a nivel da península ibérica é claramente ascendente e atópase nun estado de conservación favorable. Polo tanto, dende o sector gandeiro non chegamos a comprender o empeño de determinados grupos ecoloxistas en impulsar unha maior protección do lobo, cando o Lobo, coma especie, non corre ningún risco de extinción. E, menos aínda, non podemos entender que esas pretensións ecoloxistas logren un apoio dende o campo político.

Agora, visto o visto, a decisión final está en mans do gabinete que preside Pedro Sánchez, que conta con maioría do Partido Socialista. O PSOE debe optar entre apoiar ou dar un golpe á gandaría extensiva. O PSOE debe optar entre loitar contra o despoboamento rural ou apoiar este tipo de medidas que aceleran o abandono de amplias zonas rurais.

Comments are closed.