• Francisco Bello: “Agora é necesario destinar recursos de todo tipo para ordenar e estruturar axeitadamente a propiedade forestal”

A Asociación Agraria de Galicia valora de xeito positivo a continuidade da moratoria ata 2030 para as plantacións de eucalipto, anunciada onte pola conselleira de Medio Rural, María José Gómez. Así o asegurou o presidente da organización galega, Francisco Bello, quen tamén subliñou que ASAGA apoia tamén “as excepcións plantexadas, que son consecuentes coa necesidade de dar unha alternativa viable para aqueles propietarios de plantacións de piñeiros afectadas pola praga da banda marrón, para que poidan facer rendibles as suas explotacións”.

Segundo explica Bello, ASAGA entende “que agora é necesario traballar e destinar recursos de todo tipo para ordenar e estruturar axeitadamente a propiedade forestal”, porque “a inmensa maioría de propietarios forestais somos minisfundistas en extensión, e multipropietarios en parcelas, tantas que moitas delas descoñecemos exactamente onde están e cales son os lindes”, o que, asegura, “agrávase co paso do tempo”.

Nestes cinco anos que durará a moratoria da prohibición de novas plantacións de eucalipto, ASAGA propón concentrar os esforzos no territorio co fin de favorecer a reordenación e o redimensionamento. “Todos os que temos competencias no sector forestal e nas Administracións, deberíamos aproveitar para desenvolver o Plan Forestal, a Lei de recuperación da terra abandonada, a Lei de mellora de estructura territorial de Galicia, etc.”, explica Bello, porque “só así conseguiremos mellorar e rendibilidade económica das explotacións, que sen dúbida será a clave para loitar contra o abandono do rural e a lacra dos lumes”.

Leave A Comment