Representantes da Asociación Agraria de Galicia —ASAGA— sumáronse este xoves en Bruxelas ás manifestacións que paralizaron as rúas da sede principal da Comisión Europea. A xornada organizouse ante os recortes previstos na próxima Política Agraria Común e o inminente peche do acordo entre a Unión Europea e Mercosur.

As protestas, organizadas polas entidades representativas do sector en Europa, Copa e Cogeca, xuntaron a arredor de 10.000 persoas e máis de 40 organizacións procedentes de máis de 25 países. Entre elas estaban a española Asociación Agraria de Jóvenes Agricultores ASAJA, que marchou xunto a ASAGA e as outras asociacións desde o mediodía ata primeira hora da tarde pola capital europea.

Entre a representación de ASAGA estaba o seu presidente, Francisco Bello, quen reiterou a preocupación da asociación polo novo marco financeiro que propón a Comisión Europea que, entre outros problemas, reduce nun 20% os fondos para a Política Agraria Común e bloquea as políticas de desenvolvemento rural. “Isto pode ser o que acabe con miles de explotacións agrarias e gandeiras de Galicia”, afondaba Bello, quen chamaba a defender os principios da PAC, a non limitar os fondos, simplificar a burocracia e limitar controles e trabas.

“Queremos producir a uns prezos competitivos, e que así os consumidores podan pagar eses produtos a prezos asequibles, porque nós producimos alimentos para toda a poboación”, sinalaba, aludindo á necesidade de garantir a soberanía alimentaria na UE.

Bello tamén se referiu ao acordo con Mercosur que a comisaria Ursula von der Leyen ten previsto asinar o sábado en Brasil, sinalando “claroscuros” no pacto. “Cambia a situación para Europa en relación aos outros países, que poden producir cunhas regras totalmente distintas, máis laxas e asumibles a nivel de prezos, co que pode supoñer de problema a nivel de competencia”.

O presidente de ASAGA reiterou o compromiso de seguir loitando por unhas mellores condicións para o campo, sumándose ao novo ciclo de protestas que se prevén ata que as reclamacións do sector agrícola europeo sexan escoitadas pola Comisión.

Leave A Comment