ASAGA súmase á onda de indignación dos agricultores, gandeiros e pescadores europeos, representados nas federacións profesionais COPA-COGECA (onde está integrada ASAGA) e EUROPECHE, a instar aos “partidos políticos que algunha vez sentiron sensibilidade cara o mundo agrario” para tumbar a tolemia lexislativa que supón a Lei de Restauración da Natureza proposta pola Comisión Europea para, posteriormente, establecer unha mesa de diálogo e un consenso co sector agrario.

O presidente de ASAGA, Francisco Bello, destaca que “baixo o falso debate sobre a protección do medioambiente en Europa, realmente o que se está facendo, de maneira descarada e intencionada, é buscar a redución da produción agraria e gandeira, para beneficiar as exportacións de bens industriais, tecnolóxicos e de servizos dalgúns países europeos e, ao mesmo tempo, para beneficiar a outros países europeos non produtores que así se enriquecen distribuíndo os alimentos que importan de países terceiros. Basta xa de enganar á xente con leis insultantes como estas. Bruxelas está a antepoñer os intereses comerciais duns poucos sobre a autosuficiencia alimentaria europea”.

A Asociación Agraria de Galicia denuncia que esta “tolemia lexislativa” pon en gravísimo perigo o noso medio de vida e a produción de alimentos na Unión Europea

[heading]Erro da Comisión Europea[/heading]

A Comisión Europea propuxo o ano pasado unha Lei de Restauración da Natureza, introducindo novos obxectivos e obrigacións xuridicamente vinculantes para os Estados membros, e indirectamente sobre os sectores de produción primaria europeos. Para ASAGA, en Galicia suporía que ao redor do 40% da superficie que está baixo a Rede Natura 2000 quedaría improdutiva debido a que non permitiría a mesma actividade agrícola como ata o de agora, a pesar de cumprir xa con numerosos condicionantes como son as Zonas Especiais de Conservación (ZEC) así como de Zonas de Especial Protección para as Aves (ZEPA).

Segundo denuncian COPA-COGECA e EUROPECHE, “Bruxelas levou a cabo unha basta avaliación de impacto que non representa o impacto real nos produtores primarios en Europa, senón que se centrou unicamente nos beneficios que terá para a sociedade sen ter en conta os prexuízos”. Ademais, critican que “a Comisión Europea espera que todas as restauracións procedan dos fondos da Política Agrícola Común (PAC) ou do Fondo Pesqueiro e marítimo da UE, cando ambos os orzamentos xa están sobrecargados; e négase a propoñer un Fondo de Restauración concreto en beneficio de todos os actores desta transición”.

Como resultado, nun movemento sen precedentes, as Comisións de Agricultura (AGRI) e Pesca (PECH) do Parlamento Europeo rexeitaron a proposta: “Todos os membros do Parlamento Europeo que apoiaron o rexeitamento dixeron si á restauración da natureza, pero non a unha lexislación mal pensada, pouco realista e inaplicable que pon en perigo os medios de vida e a produción de alimentos dos agricultores e pescadores na UE”.

[heading]Comezar dende cero[/heading]

No plenario de Xullo, do Parlamento Europeo tomaráse unha decisión final sobre o expediente. COPA-COGECA e EUROPECHE piden que se “escoite e respecte as preocupacións das comunidades de agricultores, gandeiros e pescadores e que á Comisión recomence o proceso dende cero. Estes sectores enfrontáronse non só a desafíos globais (Covid, crise enerxética, guerra en Ucrania…), senón tamén a políticas ambientais radicais da UE que están a afectar profundamente a produción de alimentos e á soberanía alimentaria da UE”.

Para ASAGA, “unha boa Lei de Restauración da Natureza non pode deseñarse sen o claro compromiso dos agricultores, gandeiros e pescadores. Por tanto, en lugar de ameazas e acordos encubertos, a Comisión Europea debería volver á mesa de debate”.

Dende ASAGA consideramos que o turbulento debate sobre a nova lei ambiental evidencia que, para satisfacer as necesidades dos seus cidadáns, “a UE debe dar unha resposta directa á duas preguntas fundamentais:

  • Cantos alimentos debe producir ou importar a UE?
  • Resulta prudente confiar a nosa seguridade alimentaria a terceiros países?”

Comments are closed.