O Parlamento Europeo votará hoxe a Lei de Restauración da Natureza. Unha normativa que propón  medidas sen precedentes para a recuperación de ecosistemas dañados, esixindo a restauración de polo menos o 20% das zonas terrestres e marítimas para 2030, co obxectivo de acadar a totalidade para 2050. Dende a Asociación Agraria de Galicia levamos meses advertindo que esta Lei, de ser aprobada, podería ter consecuencias económicas devastadoras para o sector agropecuario, especialmente en Galicia e en España, onde case o 40% da superficie total veríase afectada, convertindo a agricultura e a gandería en actividades non rentables.

ASAGA coincide nas súas teses con Asaja España, que xa solicitou aos europarlamentarios que voten en contra desta Lei polo perxudicial que sería para o sector e para a  “soberanía alimentaria”.  Esta norma abandona os obxectivos da Política Agrícola Común (PAC) e pon en risco a asequibilidade dos prezos, ademais de que sería imposible aplicar as “cláusulas espello” que esixirían os mesmos estándares de produción aos países terceiros.

A votación de hoxe non só determinará a dirección da política ambiental da UE, se non que tamén poñerá a proba o equilibrio entre a ambición ecolóxica e as realidades económicas do sector agrario, nun momento crítico para o futuro sostible de Europa.

 

Comments are closed.