A Asociación Agraria de Galicia quere mostrar a súa preocupación pola grave crise pola que está pasando a empresa propietaria da planta láctea ubicada no concello de Outeiro de Rei. Se a situación non cambia radicalmente nas próximas semanas, e nada apunta que vaia ser así, esa industria pechará as súas portas definitivamente.
Non sen antes manifestar o seu apoio aos 71 traballadores que actualmente ten a compañía e que poden perder os seus empregos, ASAGA quere expresar a súa gran preocupación ante a difícil situación na que este peche deixaría ás ducias de gandeiros que venden o seu leite a esta compañía. A gran maioría deles, con contratos en vigor.
Se o peche se confirma, estes produtores terían moi difícil, ante a actual situación de mercado, conseguir un comprador que lles ofrecese un prezo xusto polo seu leite. Un comprador que tería que aparecer inmediatamente, porque a produción dos animais non se pode parar.
A Asociación tamén quere incidir en que antes de que a empresa peche, todos os gandeiros teñen que cobrar toda a produción que xa entregaran. A bastantes problemas van ter que enfrontarse xa, como para que tamén teñan que asumir a reclamación de facturas impagadas.
[heading]Búsqueda de solucións[/heading]
Ante esta situación, dende a ASAGA pedímoslle ás administracións públicas que intenten atopar unha solución para que ducias de familias galegas non se vexan gravemente perxudicadas. Ademais, deberían comezar xa as xestións para buscar un posible comprador para a planta de Outeiro de Rei que evite a deslocalización da produción e dos empregos.
A Asociación pídelle ás administracións que comecen a buscar xa un posible comprador para estas instalacións que evite a deslocalización
Comments are closed.