ASAGA, Unións Agrarias, o Sindicato Labrego Galego e AGACA consideran que sobran motivos para a mobilización e confían en que todos os colectivos vaian da man na defensa dos intereses de agricultores e gandeiros

A Asociación Agraria de Galicia, Unións Agrarias, o Sindicato Labrego Galego e a Asociación Galega de Cooperativas pecharon hoxe a unidade de acción para programar un calendario de mobilizacións e unha táboa de reivindicacións na defensa dos intereses e dereitos do sector produtor. As organizacións entenden que sobran motivos para a mobilización e fai un chamamento a todos os agricultores e gandeiros a sumarse.

As OPAS manifestan o rexeitamento a mesturar mobilizacións e citas electorais polo que adían calquera acción ata pasar os comicios autonómicos. Entenden que existen motivos máis que de sobra para que o sector produtor saia á rúa; así como un contexto, tanto a nivel europeo como estatal, do que a agricultura e a gandería galega non pode manterse á marxe. Do mesmo xeito, agárdanse as conclusións dos acordos e propostas aos que se chegue hoxe no Ministerio de Agricultura coas organizacións a nivel estatal para poder avaliar en conxunto a situación.

A entrada en vigor da nova normativa de nutrición dos solos, que limita a aplicación de puríns e obriga a facer investimentos inasumibles para moitas granxas familiares; os novos requerimentos en materia sanitaria, como a obrigatoriedade de contar cun veterinario de explotación; ou a aparición de novas ameazas, como a Enfermidade Hemorráxica Epizoótica (EHE) ou a flavescencia dourada da vide; son algúns dos problemas que máis preocupación están a xerar no sector produtor. Novidades que chegan en paralelo á entrada en vigor da nova PAC e dos novos requerimentos europeos en materia medioambiental.

A pesar de que a Lei de Cadea é clara ao respecto, a ausencia de contratos claros, o pago por debaixo de custos de produción e a imposición de prezos eludindo a negociación colectiva seguen a ser prácticas habituais. Cuestións que precisan de solucións contundentes mediante un incremento do celo das administracións e un reforzamento dos medios e actuacións de control. E é que, se ben é certo que nos últimos meses os prezos en orixe se teñen incrementado, tanto en leite como en carne, esas subas seguen a ir por detrás das experimentadas polos custos de produción que deben enfrontar as explotacións, e que serán aínda maiores sen unha flexibilización e unha adaptación dos novos requerimentos á realidade e ás necesidades do sector.

 

 

Comments are closed.