Os principais sectores da economía galega víronse afectados pola crise da pandemia da Covid-19. Os representantes da maioría das industrias coinciden en que, polo momento, tentan facer fronte á crise económica, pero temen as consecuencias que poida ter a longo prazo. O principal inimigo? A incerteza de canto tempo durará esta crise. Por agora, todos reaccionaron con rapidez á hora de implementar as medidas necesarias para manter a produción e garantir a máxima seguridade nas súas instalacións, de acordo coas recomendacións das autoridades sanitarias.
[heading]Sector vitivinícola[/heading]
No sector vitivinícola a vendima desenvolveuse con absoluta normalidade. Os representantes das cinco denominacións de orixe galegas resaltan que non houbo que lamentar ningún caso de positivo en coronavirus nas adegas. “Desde o inicio da pandemia, para este Consello Regulador, a atención, servizo e seguridade do noso persoal, así como dos nosos asociados, foi e é fundamental. Pero prevención e seguridade non están enfrontadas con traballo duro. O meu maior agradecemento, hoxe máis que nunca, a todos eles polo seu labor e o risco que asumen para conseguir un rural activo”, indica a presidenta da D. O. Monterrei, Lara Da Silva Rodríguez.
O director técnico do Consello Regulador da D. O. Valdeorras, Jorge Mazaira, salienta que se tomaron todas as medidas de seguridade: máscaras, distancia, a través da separación por grupos diferenciados por cores, e nunca mesturar o persoal de adega co de vendima. “Á vendima non afectou a Covid-19, pero ao sector, si. A retracción da economía aféctanos a todos. A situación é a que é, non sabes o que vai pasar”, sinala Mazaira, quen sostén que o futuro do sector dependerá de cando haxa unha vacina e se supere a pandemia.
En todas as industrias adoptáronse medidas de distanciamento e uso de equipos de protección para evitar contaxios
[heading]Sector lácteo[/heading]
En canto ao sector lácteo, Leite Río e Cooperativas Lácteas Unidas (CLUN) dispararon durante o estado de alarma un 20% as súas vendas de leite e iogures debido ao aumento da demanda nos supermercados. O leite, ao ser un alimento básico, converteuse nun dos produtos máis demandados durante o confinamento. Desde Cooperativas Lácteas Unidas (Clun) indican que o sector leva a pandemia “razoablemente ben”. Así, indican que o teletraballo se impuxo nos primeiros días de marzo. Ademais da seguridade dos traballadores, foi imprescindible garantir a recollida de leite para non fallar na subministración.
Desta forma, implementáronse protocolos de seguridade, a maioría dirixidos á separación dos traballadores e á limpeza e desinfección das zonas comúns. Ademais, conseguiron máscaras, as cales mesmo facilitaron aos socios. CLUN tamén puxo en marcha as videoconferencias para evitar as reunións presenciais, así como novos sistemas para realizar procesos de forma telemática.
[heading]Sector avícola[/heading]
O aumento de gastos derivados de medidas de seguridade polo coronavirus e os axustes de produción polo peche da hostalería provocaron un descenso dos resultados no Grupo Coren. Do mesmo xeito que o resto do sector, continuou traballando durante o estado de alarma para manter a cadea de subministración. Ao contrario que co leite, o sector experimentou unha caída da demanda e dos prezos, á vez que asumiu o encarecemento dos custos de produción e loxística debido, sobre todo, á implantación das novas medidas de seguridade.
En toda a cadea de produción do Grupo, desde granxas a industrias, pasando polas plantas de incubación, plantas de alimentación animal ou transporte, adoptáronse as máximas medidas de seguridade, con material de protección para todos os socios e traballadores.
A nivel comercial, isto implicou unha reorganización en canto á produción para adaptarse aos produtos máis demandados cos novos hábitos de consumo. En avicultura, por exemplo, caeu o consumo de canles enteiras e elevouse a demanda de despezamentos (peitugas, coxas…) e tamén de elaborados, o que conlevou a unha reestruturación das liñas de traballo e actividade de industria.
A crise da Covid-19 case non afectou á produción da pataca galega. O presidente da Asociación de Produtores de Pataca de Coristanco, Juan Ramón Sanjurjo, asegura que as medidas de seguridade pola crise sanitaria “complicaron un pouco” a recollida dos tubérculos.
O sector lácteo e o avícola mantiveron a subministración durante a época máis dura do confinamento
Comments are closed.